Tamara Andrés achéganos ó libro ‘O feitizo de Maruja Roca’, publicado na colección Cámara Escura de a Central Folque. Maruja Roca foi unha fotógrafa de Lugo nada a comezos do século XX. Na obra reúnese o traballo de Eutropio Rodríguez como editor fotográfico e a investigación e a palabra de Nieves Neira Roca.
Nieves foi a persoa que lle revelou ao mundo a figura de Maruja Roca e agora, grazas a este libro, podemos acceder a unha mostra do seu traballo fotográfico. A poesía atravesa todo o libro: está presente no limiar, nas fotografías e tamén nas lendas que aparecen ao final e que nos axudan a afondar en cada imaxe.