Todas as colaboracións

Plásticos no mar e poesía infantil sobre o cosmos

Na primeira conversa lectora de 2024 Eva Mejuto recupera unha obra divulgativa sobre a contaminación mariña causada polos plásticos e propón un novo álbum ilustrado de poesía infantil. ‘Plasticus Maritimus. unha especie invasora’ é unha libro da bióloga mariña portuguesa Eva Pêgo publicado en galego por Kalandraka. Narrado para a rapazada desde a experiencia persoal, Pêgo describe distintos tipos de plásticos que contaminan o mar, incluído o granulado plástico que agora chega ás nosas praias, e propón diversas solucións. ‘Canto Cosmos. Poemas e astronomía para case bebés’, é un álbum ilustrado de poesía infantil sobre planetas, estrelas e ata a materia escura. Versos de Estíbaliz Espinosa e ilustracións de Clara Cerviño neste volume publicado pola editorial Embora. 

Balance da literatura infantil e xuvenil en 2023

A literatura infantil e xuvenil de 2023 escríbese co nome propio da escritora Fina Casalderrey, candidata ao Premio Hans Christian Andersen, un dos maiores galardóns da literatura a nivel internacional. Repasamos a súa obra con Eva Mejuto e lembramos outros fitos literarios do ano que remata, dos 25 anos da editora Kalandraka, ás novas coleccións literarias para xente moza ou os autores e autoras que recibiron os galardóns máis relevantes da LIX galega no último ano.

Luísa Villalta para todas as idades

Eva Mejuto tráenos as primeiras publicacións sobre Luísa Villalta, homenaxeada das Letras de 2024, dirixidas ao público infantil e xuvenil. A primeira proposta é o álbum ilustrado Alma de violino, de Beatriz Maceda e Eli Ríos (Xerais), debuxado por Laura Suárez. Para lectorado a partir de 11 anos, Melodía de palabras (Xerais), escrito por María Canosa, con ilustracións de Laura Romero. Para o lectorado máis pequeno, Tinta de mar (Lela Edicións) de Enrique Mauricio, con ilustracións de Tania Solla.

Dous cómics para público xuvenil (e non só)

Eva Mejuto tráenos hoxe dúas óperas prima do cómic que pode desfrutar o público xuvenil (e non só). ‘Fago o que podo’ (Rodolfo e Priscila) é o primeiro libro da tamén poeta Afra Torrado. Unha compilación de historietas da autora que aborda desde a autoficción temas como a precariedade laboral, a saúde mental, o corpo, o síndrome da impostora, con ironía e humor. 

Na nova colección da editorial Galaxia para público infantil e xuvenil atopamos ‘Sentinelas da lúa carmesí’, con textos de Andrés Castro e Ozo Perozo e debuxos de Alexandre Senande. É o primeiro capítulo dunha historia de aventuras e mundos máxicos protagonizada por unha adolescente. 

 

 

 

 

 

Libros do Hematocrítico para escachar coa risa

Eva Mejuto homenaxea a Miguel López, Hematocrítico, recordando os sinais de identidade dos seus libros infantís: o humor e a sorpresa,  a apelación á intelixencia da rapazada desde o humor e o afecto, a irreverencia, a falta de condescendencia… Como mostra, catro libros publicados en 2023: ‘Unha unicornia’, ‘Morto de fame’ e ‘Dona Problemas’ (Xerais) e mais ‘Vai polo pan’ (Cumio), unha obra do canadense Jean Baptiste Drouot que Hematocrítico traduciu ao galego. 

Eva Mejuto recoméndanos libros en Culturgal

Esta semana buscamos as propostas de literatura infantil e xuvenil entre as novidades que se presentan en Culturgal. Eva Mejuto tráenos Un segredo entre as nubes, con texto de Victoria García e ilustracións de Nuria Díaz, para público infantil, publicado por Hércurles de Ediciones e mais Burbullas de calma serena, unha novela de Andrea Maceiras para público xuvenil que atopamos na editora Cuarto de inverno. 

Lecturas con memoria e sen idade

Eva Mejuto proponnos este venres dous libros con memoria. Mambrú volveu da guerra é unha peza teatral infantil de Carlos Labraña na que unha nena fai amizade cun soldado de porcelana que viviu na súa vila hai moitos anos. A obra gañou o premio SGAE de teatro infantil, está publicada por Xerais e recomendada a partir dos 9 anos.

Quen escribirá a miña historia? é unha novela de Iria Morgade Valcárcel que pescuda no destino das persoas presas no campo de concentración do mosteiro de Oia, editada por Galaxia. A autora é investigadora sobre memoria histórica no grupo Histagra da USC. 

Lecturas lorquianas para todas as idades

Eva Mejuto proponnos hoxe tres lecturas relacionadas con Federico García Lorca. Para os máis novos, o álbum ilustrado ‘Federico’, con texto de Jesús Castro Yáñez e ilustracións de Iván R, un conto no que o neno Federico espera a chegada dunha compañía de teatro á súa vila. ‘Medio pan e un libro’, editado por Kalandraka, recolle o discurso que publicou o poeta granadino na inauguración da biblioteca da súa vila natal, Fuentevaqueros, traducido por Henrique Alvarellos. Por último, Eva recoméndanos a edición crítica dos ‘Seis poemas galegos’ publicada na colección Batiscafo da editora Chan da Pólvora.

Un neno en conserva e unha bruxa frienta

Nas propostas de lectura de Eva Mejuto hai hoxe unha clásico e unha novidade. Recuperamos Konrad ou o neno que saíu dun bote de conserva, publicado en 1975 pola escritora austríaca Christine Nöstlinger e traducido ao galego por Eva Almazán e publicado por Sushi Books. E acaba de chegar ás librarías o cómic infantil ‘Ula e Vinca’, escrito e ilustrado por María Bren e publicado por Antela Editorial.

Contos de medo (e II)

Segunda entrega da historias terroríficas que escolmou para nós Eva Mejuto. Hoxe, A casa enmeigada, o clásico de Jan Pienkovski, que trouxo ao galego hai uns anos a editorial Patas de Peixe. Tamén lemos a última entrega dos Minimortos de Ledicia Costas, Criando malvas, outra historia divertida que rompe co tabú da morte coa axuda das ilustracións de Mar Villar. Poñemos o ramo cunha historia de bruxas, Clorinda Marween: unha bruxa inventora, con texto de María Márquez e ilustracións de Pupé, editado por Cumio. 

Pin It on Pinterest