Chega a Vilalba ‘Iribarne’, unha sátira teatral sobre Manuel Fraga
Despois da súa presentación en Madrid o pasado outono, chega a Galicia esta corrosiva revisión escénica da figura política de Manuel Fraga e da nosa historia recente. Esther Carrodeguas é a autora da peza, unha coprodución da compañía Butaca Zero co Centro Dramático Nacional e a MIT de Ribadavia. Dirixida por Xavier Castiñeira, forman o elenco Mónica García, Jorge de Arcos, Anxo Outomuro, Lidia Veiga, Xurxo Cortázar e a propia Esther Carrodeguas. ‘Iribarne’ pasará nos próximos meses por Santiago, Pontevedra, O Barco, Vilagarcía, A Coruña, Lugo, Tomiño, Cangas, Narón e Ribadavia.