Videos

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe temos unha lectura que polo título pode ser moitas cousas. Chámase Pérez. Historia dun triunfo, e é a primeira novela da xornalista e activista cultural Llerena Perozo Porteiro. Quen é Pérez? Vai triunfar? Podemos dicir que a novela ten todo o sentido co día que é mañá, 25 de novembro.

E máis temas, porque estamos no último mércores do mes, e iso significa que estará aquí Rut Balvís, a colaboradora de artes do movemento, que hoxe nos vñen falar da iniciativa ‘Cara a unha escena plural’, un impulso para a danza profesional.

Nace en Vigo o festival de órgano 8 Pés

Vituco Neira visita a colexiata de Vigo para falarnos do seu órgano, que vai soar esta semana na primeira edicion do festival 8 Pés. A Orquestra Clásica de Vigo organiza o encontro que inclúe concertos, charlas e visitas guiadas.

800 anos de Afonso X, o rei sabio

Afonso X, o Sabio, chegou ata os nosos días, na nosa realidade galega, como ese monarca que situou ao galego-portugués nun cumio literario coas súas Cantigas de Santa María. É innegable a importanci cultural que tivo o seu reinado, pero algo máis na sombra está o seu proxecto político e como encaixaba Galicia nel.

Por iso, o Consello da Cultura Galega presenta hoxe ‘Galicia no tempo de Afonso X’, un traballo realizado por un grupo de historiadores, filólogos e historiadores da arte, no que se aborda a relación que o Rei sabio tivo co reino de Galicia, coa súa cultura e coa súa lingua. Un volume coordinado polo profesor da Universidade de Santiago, José Miguel Andrade Cernadas, co que falamos neste Diario Cultural.

Igual de interesante é analizar cal era o papel da muller nesta Galicia do século XIII. Sempre que se fala de grandes reis, temos que mirar ás mulleres. Máis discretas nos libros de historia, pero con nomes que convén coñecer, e unha figura de estudo ao que se dedica a profesora da USC, Diana Pelaz, segunda voz neste especial polo 800 aniversario de Afonso X.

Preséntase ‘Somos Pandeireteiras’

Nace un proxecto sociocultural que pon en valor o labor das pandeireteiras como difusoras da transmisión cultural galega. ‘Somos Pandeireteiras‘ está impulsado por Mercedes Peón con tres grupos de pandeireteiras da provincia da Coruña: Raigañas de Cerqueda en Malpica, Xirifeiras en Fene e a asociación cultural Rosalía de Castro de Padrón. O 19 de decembro realizarase un encontro de tocadoras e pandeireteiras en Carballo.

Pin It on Pinterest