Unha criada engana e manipula ao amo da casa coa axuda doutro criado mudo para que case con ela e así converterse en ama. É o argumento de ‘La serva padrona’, o que estamos a escoitar, unha ópera bufa do século XVIII con música de Giovanni Battista Pergolesi e libreto de Gennaro Antonio Federico.
Mañá interpretarase dunha maneira ben orixinal no Auditorio de Galicia. Con ela abrirá a Real Filharmonía de Galicia a estrea doutra ópera, desta vez galega e contemporánea, pero que garda semellanzas coa do barroco italiano. Chámase ‘A sombra de Cristal’, con música de Fernando Buide e libreto de Quico Cadaval, unha ópera bufa que vai ir xogando ás agachadas con ‘La serva padrona’ de Pergolesi.
Que nos contan en ‘A sombra de Cristal’? Como é a música? Por que vai ser interpretada xunto a ‘La serva padrona’? Preguntámosllo aos autores, Quico Cadaval e Fernando Buide.