Videos

O nome da rosa, en galego

Aira Editorial publica en galego a popularísima novela de Umberto Eco, nunha edición en tapa dura que inclúe apuntamentos e ilustracións do propio autor. Conversamos coa tradutora Maite Jiménez Pérez sobre esta novela na que o franciscano Guillerme de Baskerville e o novizo Adso de Melk visitan unha abadía beneditina do século XIV na que se produce unha vaga de mortes violentas.

O que quedou no tinteiro da música do 2021

Cibrán Tenreiro comeza ano no Zeta recollendo a música de todos aqueles artistas que lle quedaron no tinteiro do 2021. 

As cancións de Xela Arias

Pechamos o Ano das Letras de Xela Arias lendo e escoitando ‘Cancións’, un libro-cd que reúne as letras que a poeta escribiupara o grupo de rock Desertores e doce desas cancións, regravadas polo grupo neste 2021. Conversamos sobre a Xela Arias letristade rock coa xornalista Teresa Cuíñas, que se encargou da edición das cancións e con Valerio Araújo, vocalista de Desertores. ‘Cancións’ está publicado por Edicións Xerais.

A figura do arquitecto Michel Pacewicz

A delegación de Vigo do Colexio de arquitectos e o concello de Vigo difunden a figura do arquitecto Michel Pacewicz, chave na paisaxe urbana da cidade olívica. Falamos con Nacho Hortas, comisario da exposición.

Sons para un regreso

A historia da Deputación da Coruña coas axudas a artistas para a súa formación non é algo recente nin moito menos, vén de ben atrás. O primeiro músico foi o violinista Andrés Gaos Berea en 1885. Daquela o destino era o Conservatorio Nacional de Música e Declamación de Madrid, aínda que na actualidade se extende a centros internacionais. Máis dun século de apoio á arte, e á música en concreto, dándolles oportunidade de formación, pero sobre todo oportunidade de facer carreira da música, a un gran número de artistas da provincia.

Ese é o caso, non no século XIX, senón nos últimos 20 anos, das músicas Rosalía Gómez Lasheras, Patricia Cadaveira, Ana Yáñez e Alma Sarasola. Falamos hoxe delas porque son as protagonistas de ‘Sons para un regreso’, unha serie de concertos que se celebrarán no Teatro Colón da Coruña o 6 e 7 de xaneiro. Un regreso que, no caso destas catro artistas, é unha carreira musical de talento, non sempre visible na súa terra.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Mércores de música e danza que temos preparado no Diario Cultural. Estará aquí a colabora de artes do movemento, Rut Balvís, para comentarnos os éxitos de varias compañías galegas neste fin de ano, e poñer tamén pé e medio no 2022.

Pero comezaremos coa música, cuns concertos moi especiais, baixo o nome de ‘Sons para un regreso’, protagonizamos por catro músicas que no seu momento foron bolseiras da Deputación da Coruña e tiveron a oportunidade de formarse no estranxeiro. Agora regresan, e nós imolas escoitar aquí.

Publícase a 2ª edición ampliada do nº1 de Matanza Canibal Zine

Hoxe preséntase a 2ª Edición ampliada do nº1 de Matanza Canibal Zine en formato libro monográfico de Antonio Blanco. Con motivo e celebración disto, no Diario Cultural falamos co seu editor, Tonecho Otero, e co actor Manuel Manquiña.

10 anos dos Xuventude Crea

Nesta ocasión, Sara Donoso entrevista a Alexandra Rey, comisaria do proxecto ‘Xuventude CREA. Máis dunha década’, un conxunto de mostras itinerantes que conmemora o décimo aniversario dos Premios Xuventude Crea.

Poden unha miñoca e un coello ser amigos?

“Miñoca atópase con coello e, aínda que ao principio parecen non facer boas migas, axiña se decatan de que a amizade está moi por riba das diferenzas… Ou, se cadra, non tanto.” Así reza a sinopse de “Miñoca e Coello”, o novo conto de Ramón D. Veiga que ilustra Iván R. Precisamente polo Diario Cultural pasou Ramón D. Veiga a falarnos desta súa nova publicación en Xerais.

 

’21 poetas do século XXI’, a novísima poesía galega

Zaira Ferradás, Silvia García Fernández, Sara Fonta, Sara Faro, Rosalía Bernárdez Riopedre, Paula Varela, Noé González Alamino, Nee Barros, Mariña Maceiras, Lucas Gago Suárez, Lorena Fernández Iglesias, Lois Gayoso, Juan Rocamonde, Jorge Moral, Isolda Comesaña, Fabián Niño, Clara Blanco, Ángela del Canto Soláns, Andy da Fonte e Ana Fraile Somoza.

21 poetas galegos que este 2021 fixeron 21 anos ou menos. Esa é a premisa coa que Aira Editorial se lanzou á procura da poesía máis nova, da novísima, que se está facendo actualmente en galego, e a que protagoniza esta antoloxía, 21 poetas do século XXI, coordinada por Carlos da Aira.

A poesía ten moitos xeitos de mostrarse. Acostumamos a lela sobre o papel, pero as palabras toman moitas formas diferentes e iso é algo que saben ben estes poetas novísimos. As stories de instagram son un dos espazos máis prolíficos para a nova poesía. Se tes menos de 21 anos e escribes poesía é moi probable que nunca publicaras un poemario, pero si que teñas unha colección de stories coa que compartir versos cos teus seguidores. Lonxe de ser unha banalización da poesía, se é que iso é posible, a poeta Alba Cid destaca desta escolma precisamente iso: a súa capacidade de mirar máis alá das convencións do papel e atopar poesía entre o ruido das redes.

21 poetas do século XXI ten esa habilidade de escapar dos centros. Ben sexan editoriais, de pensamento, de idade, por suposto, ou xeográficos. O coordinador, Carlos da Aira, procurou conscientemente escapar do que el chama “a prevalencia do eixo A Coruña – Santiago – Vigo” e tirar máis cara o interior. Cómpre sempre ler aos máis novos, e aquí temos a mellor oportunidade.

 

Pin It on Pinterest