Videos
Mirar de novo: “No discurso da historia da arte a muller case non existe”
Inaugúrase na Sede Afundación da Coruña a mostra ‘Mirar de Novo. A muller contra o tempo’, unha exposición comisariada por Diego Gascón e David Barro que reúne 32 pezas realizadas por 30 artistas mulleres, entre a obra pertencente á colección ABANCA e Afundación e algunha cesión de museos coma o Thyssen ou o de Belas Artes de Asturias.
No título, nese ‘Mirar de novo’, temos unha resposta natural ao esquecemento que durante séculos sufriron as mulleres artistas na historia da arte e na historia en xeral. Unha historia que nos chegou contada a medias, a través da perspectiva masculina, pero que debemos recuperar mirando de novo. Elas tamén foron cronistas da súa época, elas contaron a historia, elas abriron camiños artísticos do mesmo xeito que os homes. Comezando no século XX, ‘Mirar de novo’ ofrécenos obras de artistas galegas como Maruja Mallo ou Elena Colmeiro, entre outras de renome e trascendencia nacional e internacional.
Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30
Comezamos semana indo de exposición, e agora mesmo estase presentando na sede Afundacion da Coruña a mostra ‘Mirar de novo. A muller contra o tempo’. É unha exposición que puidemos ver durante a pandemia de maneira virtual e que agora comeza a itinerar polas diferentes cidades. Xa estivo en Santiago, agora na Coruña, e logo irá viaxando. Mirando de novo, o que pretenden é descubrir unha nova historia da arte, escrita, debuxada, e deseñada polas mulleres. Falaremos cun dos seus comisarios.
E logo temo por aquí a Alba Cid, que hoxe nos quere comentar o novo número, o 44, da revista Dorna, expresion poética galega.
Ausencias, esencias, presencias. Diálogos a través dunha reflexiónsobre o corpo
Asomámonos con Sara Donoso á mostra ‘Ausencias, esencias, presencias’, que amosa adiversidade de traballos e de visións artísticas xeradas baixo a mirada e o pensar de alumnas do último curso de Belas Artes. Comisariado polas tamén alumnas Aldara Vázquez e Iris Rodríguez, o proxecto foi seleccionado na modalidade de comisariado da convocatoria de intervencións artísticas para a Zona C de Santiago de Compostela.
Ángel Filgueira e os seus animais
‘Cando toco un animal’ é a primeira ficción de Ángel Filgueira. En palabras de Brais Romero: “unha película sensible, que sabe retratar con agarimo e realismo as dinámicas das relacións amorosas no triángulo emocional que forman as protagonistas”.
Arrythmia publica novo disco
Os lucenses Arrythmia vén de publicar esta fin de semana pasada o seu novo traballo discográfico baixo o título de 1. O trío volve así á vida trala pandemia con moita forza, mensaxes contundentes e con toda a ansia de visibilizar os problemas actuais da sociedade dende os propiamente sociais ata os mentais. Calidade e etiquetaxe difícil, aínda que polo rego do metal, o novo disco dos Arrythmia xa está dispoñible en tódalas plataformas. Falamos con guitarrista e vocalista da banda, Alberto Busto.
‘Nó’, a nova peza da compañía de danza urbana Elahood
A migración das mulleres, a escena
‘Creadores de conciencia’: 40 fotógrafos comprometidos
Dicía Robert Capa que “a verdade é a mellor fotografía”. Unha frase e unha verdade que a maioría dos fotoxornalistas levan por bandeira cando percorren o mundo, cámara en man, contando as historias máis bonitas e as máis duras.
É o caso dos 40 fotoxornalistas que protagonizan a exposición ‘Creadores de conciencia’, que se inaugura esta tarde no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, e que se poderá ver ata o 29 de maio na sala Isaac Díaz Pardo.
O comisario da mostra, o tamén fotógrafo e editor Chema Conesa, fíxose unha pregunta no momento de montar esta exposición: pode unha fotografía crear conciencia? Estendémoslle esa mesma pregunta a Conesa e aos fotógrafos Gervasio Sánchez e José Cendón.
Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30
Este mércores, o Diario Cultural non é alleo á traxedia do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terra Nova. A cultura, e concretamente a fotografía, tamén nos pode axudar a falar das feridas abertas no mundo. A asimilar as que acontecen ao lado da nosa porta, e a coñecer as que suceden a milleiros de kilómetros. Hoxe conversamos con tres fotógrafos, Chema Conesa, José Cendón e Gervasio Sánchez, sobre o compromiso que o xornalismo debe manter sempre coa verdade e sobre todo coas persoas.
E na segunda parte do programa, teremos por aquí a Montse Pena Presas e as súas lecturas do mellor da literatura infantil e xuvenil. Desta vez, con ‘Chuvisca’, de Fernándo Pérez en Kalandraka, e ‘Capitán Lentella. Aventura a todo gas’, de Jorge Campos en Xerais.
- ‹ Anterior
- 1
- …
- 164
- 165
- 166
- 167
- 168
- …
- 565
- Seguinte ›