Videos
Teatro accesible cun pioneiro sistema do Centro Dramático Galego
Algunha vez se preguntaron como é asistir a unha función de teatro para unha persoa con discapacidade visual ou auditiva? Como escoitan os diálogos dos actores, a música ou os efectos sonoros? Como ven os movementos sobre o escenario, os cambios na decoración e nas luces? Son preguntas necesarias para decatarnos que a cultura, un ben esencial, un dereito de todos e todas, non sempre é accesible.
Por sorte, en Galicia podemos falar xa de iniciativas e proxectos destinados a romper esas barreiras. É o caso do sistema que vén de poñer en marcha o Centro Dramático Galego; unha medida pioneira que adapta todas as funcións que se celebran no Salón Teatro de Compostela para que poidan ser desfrutadas en igualdade de condicións por todos os asistentes, con linguaxe de signos, subtítulos e audiodescricións. Falamos con Fran Núñez, director do CDG, que nos comenta que este sistema “posibilita que todas as funcións sexan accesibles no Salón Teatro en principio, pero tamén nos teatros polos que xiren as obras, xa que é un sistema móbil”.
E como reaccionan os usuarios e usuarias? Falamos tamén con Loli Venancio, responsable de Servizos Sociais da ONCE en Galicia e gran afeccionada ao teatro, que xa puido asistir á representación de ‘A Peste’ con este novo sistema.
Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30
A cultura é un ben esencial, pero non sempre é accesible para todo o mundo. Persoas con diferentes discapacidades, como visual ou auditiva, teñen demasiadas barreiras na maioría dos casos. Pero hoxe queremos contar que o Centro Dramatico Galego dispón desde fai unhas semanas dun sistema inclusivo pioneiro para que as obras sexan accesibles. Imos saber en que consiste e como funciona.
E no tempo das lecturas de Montse Pena Presas imos ver como a literatura, neste caso a infantil e xuvenil, nos pode axudar a falar da guerra cos máis pequenos e pequenas.
O Entroido do antropólogo
‘Erosión’: a perda que se escoita no novo de Chicharrón
Como se escribe e se canta sobre a perda, sobre a morte? Nun momento de tristeza e de dicir adeus, Alberto Martínez Vecino de Chicharrón enfrontou a morte de Teresa, a súa nai, procurando gardar todos os recordos e facelos música. Deses meses de despedida naceu ‘Erosión’, o novo disco da banda de Carballo.
Falamos de disco pero deberiamos falar de casette. En Erosión recuperan a cinta, anímannos a recuperar os nosos vellos reproductores, e así fannos tamén partícipes desa homenaxe a Teresa. A morte primeiro, pero a vida, irremediablemente, está neste traballo de Chicharrón. ‘Erosión’, 10 cancións que xa son de todos e todas.
Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30
Martes de entroido que non podería comezar mellor no cultural, porque temos a estrea do novo disco de Chicharrón. Chámase ‘Erosión’, é o seu quinto traballo, e chega menos dun ano despois do éxito de ‘Unha fogueira intacta’.
E máis temas, porque estivo por aquí Armando Requeixo coas suas lecturas, e hoxe falounos de ‘Tres en raia’ de Xosé Manuel Martínez Oca.
Miro Casabella revisita o seu disco ‘Ti, Galiza’
Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30
Recordamos no Diario Cultural a unha figura do humor e a cultura como foi Xesús Campos, Chichi. Escritor, debuxante, humorista e guionista da Televisión de Galicia. O seu fillo Nico presenta unha reedición das súas ‘Estampas do mundo elegante’, acompañadas dos textos de amigos, xornalistas e xente da cultura.
E despois, no tempo da música con Luis Miguel Crespo, queremos recordar a outra figura fundamental da composición galega, Andrés Gaos.
O Casino 1889 de Carballo
Cibrán Tenreiro fálanos no Zeta da complicada situación pola que está a pasar o Casino de Carballo. A problemática é un xuízo no que se vai decidir sobre a propiedade deste lugar, que é dos poucos edificios históricos que quedan na vila. Os inicios desta asociación, co nome de Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños, están en 1889, pero levan neste local como arrendatarios desde 1925.
Neste caso o conflito legal é entre eles e unha empresa inmobiliaria, Horta do Casino. Cibrán falou con Olivia Pena, unha das persoas que participan do Casino 1889, para que nos explicase un pouco o que fan e en que situación se atopan.
Espectáculos para todos os públicos con Trémola Teatro
Neste programa achegámonos con Ana Abad ao traballo de Trémola Teatro, unha compañía que enfoca a súa creación especialmente ao público familiar, aínda que tamén fan espectáculos dirixidos ao público adulto. Trémola Teatro foi fundada en Madrid no ano 2017 polas actrices galegas Paula Regueiro e Lucía L. Golán, no ano 2018 gañaron o segundo premio do certame Xuventude Crea na modalidade de Teatro e nestes anos foron consolidando o seu proxecto escénico, con obras que se poden ver tanto en Galicia como en Madrid.
- ‹ Anterior
- 1
- …
- 162
- 163
- 164
- 165
- 166
- …
- 565
- Seguinte ›