Videos

O disco acústico dos Heredeiros

Heredeiros da Crus publican en formato dixital ‘Xira Angústica. Live in A Coruña’, disco en directo que rexistra un dos concertos acústicos que deron en 2021, adaptándose ás restricións ocasionadas pola pandemia. Falamos con Fran Velo, baixista da banda, que fai 30 anos neste 2022. 

Talía Teatro estrea ‘Morte accidental dun anarquista’

Talía Teatro estrea este venres en Santiago ‘Morte accidental dun anarquista’, un texto xa clásico do dramaturgo e Nobel italiano Darío Fo, creado a partir da morte do ferroviario anarquista Giuseppe Pinelli en 1969. Unha obra política e disparatada da que falamos con Artur Trillo, director de Talía e membro do elenco, e con Cándido Pazó, director do espectáculo. 

A voz das últimas cigarreiras coruñesas

En decembro faranse 20 anos do peche da fábrica de tabacos da Coruña, da Palloza. Ana Romero e Xulia Santiso publican en Baia Edicions ‘A voz das últimas cigarreiras coruñesas’, un libro que repasa a historia da fábrica a través de entrevistas con 10 mulleres que estiveron durante o peche ou se xubilaran pouco antes.

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Falamos con Xulia Santiso, unha das autoras de ‘A voz das últimas cigarreiras coruñesas’ (Baía) e tamén con Lolecha, Dolores Rodríguez, que é unha desas últimas cigarreiras.

E despois, día de cine neste diario, coa colaboración de Begoña Vázquez de Sala 5

O regreso da plataforma A Regueifa

Dez anos despois, reactívase A Regueifa Plataforma, un espazo de encontro para a creación musical, artística ou literaria. Un dos traballos discográficos cos que se estrea esta xeira é ‘O fillo de Suso’, de Holgado, un músico galego afincado en Madrid que regresa nestas cancións á súa infancia en Negreira.

20 anos sen Carlos Casares

Un 9 de marzo de 2002 falecía en Vigo o escritor Carlos Casares, e hoxe, 20 anos despois, era imprescindible facer un recordo deste home da cultura. 

Autor de obras fundamentais da nosa narrativa como ‘Vento Ferido’, ‘Xoguetes pra un tempo prohibido’, obras ensaísticas, tradución ou literatura infantil como ‘A galiña azul’ ou ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’. Hoxe recordámolo neste espazo coa axuda do seu fillo, Hakan Casares, e da profesora de literatura galega na USC Dolores Vilavedra.

 

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe fanse 20 anos da morte de Carlos Casares, un autor fundamental da nosa narrativa e sobre todo un home da cultura galega en todas as súas formas, porque foi escritor, xornalista, tradutor, editor… No Diario Cultural, unha pequena homenaxe con dúas persoas que o coñeceron moi ben, como o seu fillo Hakan e a experta en literatura galega Dolores Vilavedra.

E onte conversábamos sobre o importante da literatura infantil para educar en igualdade, e como hoxe vén Montse Pena Presas por aquí, a súa lectura recomendada será ‘Neko’, de Eva Mejuto publicada por Oqueleo.

Do tabú á representación artística da regra

A literatura, a arte ou o cine feitos por mulleres acollen nos últimos anos máis representacións sobre a menstruación, un fenómeno atravesado polo tabú e os mitos durante moito tempo. Conversamos coa divulgadora sobre o ciclo menstrual Laura Veiga e Patricia Porto Paderne, da libraría Lila de Lilith, recoméndanos libros que falan da regra.

A literatura infantil e xuvenil pola igualdade

Como debe ser a literatura infantil e xuvenil para que as nenas e nenos de hoxe sexan mañá mulleres e homes feministas, comprometidos coa igualdade, respectuosos coa diversidade? As sociedades avanzan, e con elas, a literatura. Especialmente, aqueles libros que caen nas mans dos máis pequenos. Nese sentido, a lectura debe ser unha ferramenta esencial para que as nenas e nenos teñan unha visión do mundo máis actual e igualitaria.

Niso traballan as tres mulleres que hoxe convidamos no Diario Cultural: Teresa González, que é profesora de galego no IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo; Eva Mejuto, escritora de literatura infantil e xuvenil; e Isabel Mociño, coordinadora do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil da Universidade de Vigo

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Neste día da muller no Diario Cultural fixámonos nas mulleres e nos homes de mañá, nas nenas e nenos e no importante que é a cultura para o seu desenvolvemento. Polo tanto, esa cultura debe ser feminista e igualitaria. Concretamente, imos reflexionar cunha profesora, cunha escritora e cunha experta en literatura infantil e xuvenil sobre a lectura como ferramenta para educar en igualdade.

E despois, temos como cada martes a lectura de Armando Requeixo, que hoxe protagoniza Imaxes roubadas, o libro de relatos de Nones Araújo.

Pin It on Pinterest