Videos

Xabier Díaz arrólanos e sorpréndenos en ‘Levantarse e caer’

O artista Xabier Díaz presenta o seu último disco en solitario, ‘Levantarse e caer’, que leva por subtítulo ‘Arrolos e abrentes’. Unha volta máis á súa música para cantarlle á infancia ou á paisaxe dende a mirada adulta.

Un inferno, a cicatriz e a beleza de Medos Romero

Premio de Poesía Afundación e Premio da Crítica Española. ‘E o sol era ela’, o poemario de Medos Romero publicado por Arte de trobar, protagoniza o libro da semana do Diario Cultural. Ana Romaní conversa coa autora arredor das cicatrices, dos infernos persoais e da beleza desde a que é preciso mirar no interior de unha mesma. 

‘Foi un home’, a influencia arxentina na pintura de Laxeiro

‘Foi un home. Laxeiro en América 1950-1970’ é unha das mostras conmemorativas do ano Laxeiro, que recolle a produción artística do pintor de Lalín neses 20 anos que pasou en Bos Aires. A súa  pintura, sempre vangardista e renovadora, viuse neses anos influenciada polas correntes máis internacionais de América. 

Falamos con Carlos López Bernárdez, comisario da mostra que se poderá ver ata o 5 de xuño no Museo Ramón María Aller de Lalín, para logo itinerar por Madrid, a Cidade da Cultura e París. 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Seguimos celebrando o ano Laxeiro nas artes galegas, pero desta volta centrándonos na súa etapa arxentina. Desde 1950 ata 1970, Laxeiro estivo vivindo en Bos Aires, rodeado de toda a galeguidade arxentina, e a súa pintura viuse moi influenciada polos aires cosmopolitas e abertos da cidade. A súa obra deses 20 anos está reunida nunha mostra que se chama ‘Foi un home. Laxeiro en América’, e que podemos ver en Lalín no Museo Ramón María Aller. Falamos co seu comisario, Carlos L. Bernárdez.

E despois, momento para a poesía con Alba Cid, que nos comenta ‘Palmeiras, piueuros’, o novo poemario de Anxo Angueira.

Ás oito da tarde, cando morren as nais

Un público experto é moi preparado é o protagonista absoluto de ‘Ás oito da tarde cando morren as nais’, un texto de AveLina Pérez co que gañou o premio Álvaro Cunqueiro no 2018. Agora, o Centro Dramático Galego fai esta adaptación, dirixida por Marta Pazos e cun elenco coral. 

Parados no medio e medio do patio de butacas, ocupando varias ringleiras, comeza o xogo entre o “público” e a actriz, soa no escenario. Un exercicio que lle sirve a AveLina Pérez para analizar a actualidade e o papel da arte. 

O elenco está formado por Camila Bosa, Sabela Domínguez, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro, Toni Salgado e Xosé Manuel Esperante. Con el e coa directora, Marta Pazos, conversamos neste Diario Cultural. 

A peza estréase o 14 de abril no Salón Teatro de Compostela, onde estará ata o 1 de maio, para logo facer unha xira por Galicia e Portugal. 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe temos un programa moi teatreiro. Xa sabemos que os mércores temos por aquí a Roberto Pascual, o noso crítico de teatro, que hoxe nos vai falar dun texto moi especial que é ‘Identidade’ de Nee Barros.

Pero para comezar temos de convidados a Marta Pazos e Xosé Manuel Esperante, directora e actor da nova obra do Centro Dramático Galego, que é ‘Ás 8 da tarde, cando morren as nais’, un texto de Avelina Pérez. Comezamos escoitando o principio.

En recordo de Arcadio López Casanova, o poeta de Lugo

“Rendido o corazón chégase a hora / de regresar á estancia aínda acendida; / de recoller o pranto, a compartida / palabra que vos din ata o de agora.”

Con estes versos despedía o crítico literario Ramón Nicolás ao poeta, profesor e ensaista Arcadio Lopez Casanova. Hoxe recollemos eses versos para recordar ao poeta lugués que onte falecía, aos 79 anos, en Valencia, onde era catedrático de Literatura Española. Levaba máis de 50 anos no País Valenciano, pero López Casanova sempre foi de Lugo.

Era ademais académico de honra, así que neste diario falamos con Víctor Freixanes, o crítico Ramón Nicolás e o escritor e editor Luis González Tosar. 

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe no Diario Cultural recordamos ao poeta, catedrático e ensaísta Arcadio López Casanova, que faleceu onte en Valencia, onde era catedrático de Literatura Española. O poeta lugués foi un dos renovadores da poesía dos anos 70, membro de honra da Real Academia Galega e ademais un destacado estudoso de teoría da literatura. Unha referencia para moitos, que hoxe recordamos aquí con convidados que o coñeceron ben, como Víctor Freixanes, Ramón Nicolás e Luis G. Tosar.

E para rematar, a literatura que nos receita cada martes Armando Requeixo, que hoxe ven falar de ‘Aldea Buxán’, o libro de Francisco Alvarez Koki.

Pin It on Pinterest