Videos

Emma Ríos e David Rubín, de novo en Viñetas

 

Emma Ríos e David Rubín son dous dos autores galegos máis relevantes da banda deseñada e testemuñas destes 25 anos Viñetas desde o Atlántico. Os dous asistiron ao festival desde o comezo, primeiro parte da escena galega de fanzines, hoxe xa como autores consolidados. Falamos cos dous da historia de Viñetas e das obras que publicarán proximamente. 

 

‘Animalario de ler a diario’, un poemario bestial de Eduard Velasco

Eduard Velasco estréase na literatura infantil con Animalario de ler a diario, un poemario protagonizado por bechos de todo tipo e no que xoga coas palabras e coa métrica. O libro está ilustrado por Nuria Díaz, publícao Edicións Xerais e foi finalista en dúas ocasións do premio Merlín de literatura infantil.

Festa da Carballeira de Zas e As Nosas Músicas de Couso

Gustavo Couto avánzanos dúas das citas ineludibles da nosa música esta fin de semana, que volven con forza trala pandemia: a Festa da Carballeira de Zas, con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre ou Xisco Feijóo, e As Nosas Músicas, na parroquia estradense de Couso, onde tocarán Leilía e Airiños da Freba, entre outros. 

Filosofía para veraneantes en Corcubión

O ciclo de pensamento ‘Filosofía para veraneantes’ está dedicado este ano a reflexionar sobre o uso da tecnoloxía e os seus aspectos construtivos e destrutivos. Baixo a pregunta ‘Ilusionismos tecnolóxicos?’ convida profesores de Filosofía, científicos, poetas, xornalistas e a todos os asistentes a conversaren sobre intelixencia artificial, Antropoceno, extractivismo ou Internet. 

‘Yo soy la Malinche’, moitas linguas compartindo viñetas

Sobre a colonización de América contáronse moitas cousas, desde moitas perspectivas diferentes. ‘Yo soy la Malinche’ (Nuevo Nueve) é unha historia sobre ese periodo histórico. Hai conquistas e colonizacións de fondo, pero é unha historia sobre as linguas e como nos comunicamos con elas. Porque nos momentos de guerra e conflito, é importante botar man do diálogo.

A Malinche, a quen coñecemos primeiro como Malinalli, é unha muller que fala e entende varias linguas; un pouco como Alicia Jaraba, a autora deste cómic.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Novo capítulo de topónimos co noso colaborador do verán Vicente Feijoo. Hoxe cun tema moi mariñeiro, porque nos vai falar de talasonimia, os nomes do mar. Pero antes imos a México con Alicia Jaraba, que é unha ilustradora e autora viguesa de banda deseñada, que acaba de publicar o seu primeiro cómic, ‘Yo soy la Malinche’, sobre esta controvertida figura histórica.

Pin It on Pinterest