Videos

Gonzalo Navaza ingresa na RAG como membro de número

O escritor e filólogo Gonzalo Navaza ingresa este sábado na Real Academia Galega como académico de número. O seu discurso estará dedicado aos nomes de persoa na toponimia de Lalín, o seu concello natal e poderá seguirse nunha sesión extraordinaria pública na sede da RAG a partir das 12:30 ou a través da web da institución. Conversamos co novo académico sobre onomástica, a compoñente emotiva dos topónimos e a súa paixón polas palabras. 

 

De Pamela Rodríguez a Aliboria

Tito Lesende traénos hoxe música de Pamela Rodríguez, artistas peruana residente en Galicia que publica ‘Chica huracán’, un novo adianto do seu álbum Meigas.
Tamén é novidade o disco ‘Estados naturales’ de Moito!, dos que escoitamos ‘Las bandas del mañana’. ‘La cruz de Santiago’ de La Bien Querida e sérvenos para anunciar o seu concerto do venres na Coruña e acabamos a escolma de maneira épica, coa versión de ‘La leyenda del tiempo’ de Camarón a cargo de Xosé Lois Romero e Aliboria.

‘Dezanove comunas e un aeroporto’, vidas cruzadas en Bruxelas


Estes relatos de Daniel Ugarte realizan un retrato colectivo da cidade a través de historias ambientadas nas 19 comunas da rexión de Bruxelas e mais no aeroporto de Zaventem. Retratos marcados polo código postal no que viven os personaxes, maioritariamente estranxeiros, entre eles emigrantes galegos de varias xeracións. Edicións Morgante publica este segundo libro de Ugarte, que debutara en 2019 coa novela O coala

O ronsel do ano de Florencio Delgado Gurriarán

A Real Academia Galega celebra o Simposio Florencio Delgado Gurriarán os días 3 e 10 de novembro para afondar en diferentes aspectos da vida e obra do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Conversamos con Xosé Manuel Dasilva, catedrático da facultade de Filoloxía e Tradución da Uvigo, que achegará a súa análise das traducións que realizou Delgado Gurriarán, e co académico correspondente Ramón Nicolás, que investigou a correspondencia do poeta valdeorrés con Rodolfo Prada e Ramón Otero Pedrayo.

Xosé Manuel Fernández publica máis ‘Pezas guapas para gaita, para zanfona e acordeón’

O que fora compoñente do histórico grupo Muxicas publica un novo volume da súa colección de partituras de pezas de composición propia.
Esta cuarta entrega de ‘Pezas guapas para gaita, para zanfona e acordeón’ está dedicada aos pasodobres e aos furanchos.

Pin It on Pinterest