Sobre o alto do monte Moncai, na Pobra do Brollón, divisamos o val de Lemos desde un lugar privilexiado. Estamos a carón dun curioso sitio arqueolóxico que alí coñecen como A Muradella, e que sempre sospeitaron que podería ser algún tipo de fortificación medieval. Foron precisamente os veciños, a Asociación de Cereixa ‘María Castaña’, da que forma parte o arqueólogo Xurxo Ayán, a que impulsou os traballos.
Así chegou ata o lugar un equipo da Universidade Complutense de Madrid, liderado polo arqueólogo Rodrigo Paulos. Logo de varias semanas de traballos na zona, sitúannos agora moito tempo antes, na prehistoria. Podería tratarse dun cairn, un monumento funerario moi coñecido na Europa Atlántica, pero ata agora ausente na Península Ibérica. Unha descuberta que esperta aínda moitas máis preguntas.