A 38ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comeza este venres 15 coa homenaxe a Eduardo Rodríguez Cunha, ‘Tatán’, que recibirá o premio de honra ‘Roberto Vidal Bolaño’.
Desde a MIT din que Tatán é algo máis que un titiriteiro. Podemos dicir tamén que ser titiriteiro é case coma ser un mago; é quen se dedica a darlle vida a obxectos en apariencia inanimados. Nas súas mans, os monicreques son quen de pensar, emocionarse, escachar coa risa, tocar un instrumento, andar en bicicleta, levantar pesas ou calquera cousa que poidamos imaxinar.
Iso leva facendo ‘Tatán’ durante máis de 40 anos, de maneira individual ou coa compañía Tanxarina, que fundou nos anos 80. Unha traxectoria teatral na que hai que recoñecerlle tamén o seu importante papel na profesionalización do oficio e no recoñecemento do teatro de monicreques en Galicia.