Non está claro que é o que nos fai humanos e que nos diferencia das máquinas. Ou ata onde podemos levar a intelixencia artificial para que a convivencia coa tecnoloxía e natureza sexa posible. A intelixencia artificial leva anos fascinándonos e obrigándonos a facer moitas preguntas. E non é de agora. Aínda estamos por ver a un sistema como HAL 9000, o de 2001: Unha odisea no espazo, que podía pilotar unha nave espacial, xogar ao axedrez e mesmo decidir sobre a vida e a morte dos tripulantes.
No Diario Cultural falamos con Alba Meijide, comisaria da exposición “AI: More than human” (Intelixencia Artificial: máis que humano), que onte se inaugurou na sede Afundación da Coruña. Unha exposición que explora as relacións entre humanos e intelixencia artificial, mirando ás orixes e aos retos e oportunidades que nos pode ofrecer.
Sen esquecer, que este tipo de tecnoloxías tamén provocan grandes dúbidas. Estamos continuamente compartindo información persoal na rede. Non sabemos cara onde vai en termos de privacidade. “More than human” é nese sentido unha exposición interactiva, que nos sitúa cara a cara con estes debates. Podes superar a un robot que está continuamente aprendendo de ti? Temos ata o 5 de febreiro para poñer a proba esta tecnoloxía na sede Afundación da Coruña