O Museo de Belas Artes da Coruña acolle estes días unha serie de conferencias arredor de María Casares polo centenario do seu nacemento. A actriz galega, nacida na Coruña un 21 de novembro de 1922, tivo que exiliarse a Francia con 14 anos durante a Guerra Civil, xa que o seu pai, Santiago Casares Quiroga, era o presidente da República no momento do golpe. Nunca volveu a Galicia, pero o seu talento sobre as táboas tiña o seu eco aquí.
Esta tarde, ás 19:30, as conferencias do Museo de Belas Artes estarán protagonizadas polo director teatral Lluis Pasqual e pola escritora francesa e biógrafa de Casares, Anne Plantagenet, que escribiu ‘A Única’, ‘L’Unique’, esa biografía a partires das cartas que intercambiou co autor francés Albert Camus.
Pola súa banda, Lluís Pasqual é dos poucos que hoxe poden dicir que a coñeceron, que a viron actuar de preto en varias ocasións. Por iso a súa intervención desta tarde no ciclo de conferencias sobre a actriz chamarase ‘Espectador privilexiado’.