Ledicia Costas empezou a escribir de adolescente, e aínda que a carreira de Dereito se lle cruzou no medio do camiño, ela seguiu escribindo. Ata que a Ledicia escritora foi aos poucos substituíndo á avogada. Un paso arriscado, pero que con moito traballo se resume nunha carreira literaria meteórica, 20 obras publicadas e premios como o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Merlin, o premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria, e ata tres premios Lazarillos, como vimos de saber hai un par de días. Este último por unha novela xuvenil, ‘A lebre mecánica’, que poderemos ler en galego nuns meses.
Ledicia escribiu literatura infantil, xuvenil e novela e relatos para adultos. Escribiu sobre a guerra en ‘Un animal chamado neboa’, un libro que tamén nos fala da dor e da resistencia, ao igual que ‘Infamia’ e ‘Golpes de luz’, o máis recente para adultos. Pero Ledicia é unha auténtica superestrela entre as nenas e nenos. Ninguén coma ela lles fala á cara, directamente na súa linguaxe, de inframundos, cociñeiras defuntas, mulleres planta, vampiras, unicornios, minimortos ou nenos de lume. Ninguén con tanta paixón, tenrura, humor e intelixencia. Así é a literatura de Ledicia Costas.