2018 foi un ano histórico para o feminismo. Vivimos o 8M con maior asistencia e influencia na sociedade da historia, e pensamos que as cousas podían mudar. Uns días antes dese 8-M celebrárase no Teatro Principal de Pontevedra a primeira edición do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, organizado polas xornalistas Diana López e Susana Pedreira, no que reuniron un bo número de mulleres perigosas.
Esas conversas, reivindicacións, coñecementos e vivencias compartidas chegan agora en formato libro, 4 anos e unha pandemia despois. Como mudaron as cousas para as mulleres que opinan? Conversamos con Susana Pedreira e Diana López, que xa están a preparar a edición de 2022 deste foro único e necesario.