Os incendios están arrasando co monte galego, perdemos vexetación e diversidade. Morre a fauna autóctona. Arrasa coas casas… Os incendios desta semana en Valdeorras e no Courel levaron por diante vida natural, (maís de 20.000 hectareas entre os dous, de espazos protexidos de alto valor natural, patrimonial e etnográfico) pero tamén recordos, a memoria da veciñanza.
O lume arrasou tamén no Courel co núcleo do Vilar, no concello do Folgoso. Alí arderon 13 das 15 casas. Entre elas, a de Xan, Xan de Vilar: un home que leva no nome o lugar ao que dedicou e dedica toda a súa vida.
Viaxamos co catedrático de historia da USC, Lourenzo Fernandez Prieto, a avaliar os danos do lume nun lugar coma O Vilar. Ata alí se achegaba con regularidade co seu alumnado para coñecer un conxunto excepcional formado polo museo, o castro, a igrexa e os soutos, entre outras xoias patrimoniais.