A lenda da loba branca do Courel cóntanos que nunha aldea da montaña unha manada de lobos tiña por xefa a esta gran loba. Pero houbo unha batida de cazadores e matárona. Os lobos comezaron entón a ouvear nas portas dos veciños cada noite. Ninguén sabía que ocorría, ata que unha muller, da que se dicía que era meiga, advertiu que o que os lobos querían era a pel da súa xefa. Os cazadores deixárona nun claro do bosque, iluminado pola lúa, e os lobos non volveron á aldea.
É unha lenda recollida en diferentes formas, e por diferentes persoas, Vicente Risco entre elas; que sirve de argumento á primeira ópera do pianista e compositor vigués Brais González. Este domingo, terá a súa estrea en galego e italiano no Festival delle Nazione de Città di Castello.