’21 poetas do século XXI’, a novísima poesía galega

Zaira Ferradás, Silvia García Fernández, Sara Fonta, Sara Faro, Rosalía Bernárdez Riopedre, Paula Varela, Noé González Alamino, Nee Barros, Mariña Maceiras, Lucas Gago Suárez, Lorena Fernández Iglesias, Lois Gayoso, Juan Rocamonde, Jorge Moral, Isolda Comesaña, Fabián Niño, Clara Blanco, Ángela del Canto Soláns, Andy da Fonte e Ana Fraile Somoza.

21 poetas galegos que este 2021 fixeron 21 anos ou menos. Esa é a premisa coa que Aira Editorial se lanzou á procura da poesía máis nova, da novísima, que se está facendo actualmente en galego, e a que protagoniza esta antoloxía, 21 poetas do século XXI, coordinada por Carlos da Aira.

A poesía ten moitos xeitos de mostrarse. Acostumamos a lela sobre o papel, pero as palabras toman moitas formas diferentes e iso é algo que saben ben estes poetas novísimos. As stories de instagram son un dos espazos máis prolíficos para a nova poesía. Se tes menos de 21 anos e escribes poesía é moi probable que nunca publicaras un poemario, pero si que teñas unha colección de stories coa que compartir versos cos teus seguidores. Lonxe de ser unha banalización da poesía, se é que iso é posible, a poeta Alba Cid destaca desta escolma precisamente iso: a súa capacidade de mirar máis alá das convencións do papel e atopar poesía entre o ruido das redes.

21 poetas do século XXI ten esa habilidade de escapar dos centros. Ben sexan editoriais, de pensamento, de idade, por suposto, ou xeográficos. O coordinador, Carlos da Aira, procurou conscientemente escapar do que el chama “a prevalencia do eixo A Coruña – Santiago – Vigo” e tirar máis cara o interior. Cómpre sempre ler aos máis novos, e aquí temos a mellor oportunidade.

 

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share