Este domingo, día 30, é o Dia da Ilustración, unha celebración que recorda cada ano o nacemento de Castelao. Este ano o homenaxeado é o coruñés Reimundo Patiño, un ilustrador relacionado co galeguismo dos 60 e 70, un auténtico precursor do que logo sería a banda deseñada galega xunto ao seu amigo Xaquín Marín. Para saber máis do seu traballo e da súa relevancia, conversamos con Daniel Buján, comisario da expo que o homenaxea na Biblioteca de Galicia; e tamén con Antón Patiño, pintor e familia de Reimundo.
E despois, unha lectura para acompañar ás pequenas e pequenos con Montse Pena Presas, moi relacionada coa ilustración e o seu poder educativo, como é ‘Debuxar o mundo. Xogar, crear, compartir’, de Vicente Blanco e Salvador Cidrás na editorial Galaxia.