Estíbaliz Espinosa

Estíbaliz Espinosa

Autora. Exploradora en ciencia e literatura. Astrónoma amadora. Tradutora. Músico. Nacín aos pés dun futuro Planetario e un pazo da Ópera, xunta unha praza de Libro e uns pisos por riba da tinta dos polbos. Lémbrome escribindo dende que collín o primeiro lapis e debuxei cómics. Lémbrome sobre todo lendo. Dándolle voltas ao prisma literario non menos que ao científico ou ao musical: son o mesmo prisma. De ciencias e de letras, licencieime en Socioloxía e en Filoloxía Hispánica na UDC. Escribo e canto dende que podo recordar. Cantei en coros e como solista (soprano e mezzo). Estudo astrofísica como afeccionada. Para logo atoparme o resto da vida apertando unha trenza entre todo iso. Publiquei varios libros de poemas [ Curiosidade ou Pan (libro de ler e desler) entre eles], relatos, ensaios e un álbum para nenos sobre astronomía. Tamén traducín e fun traducida.

Na perspectiva da cultura científica, artello e dirixo iniciativas de ciencia, literatura e arte, entre elas As Curiosas, os parladoiros Estrelecidas, Canta, Urania!, Novembro estelar, Escrita no ceo, A ombros de xigantas vermellas ou Pinte un bisonte na caverna, por favor.

Colaboro con varias institucións galegas, dende a Orquestra Sinfónica de Galicia ata a CRTVG, e escribín artigos para Luzes, Principia, Cuaderno de Cultura Científica da UPV, Sermos ou Dorna.

Son astrónoma amadora. E dou cunha constelación: a que debuxa ciencia, literatura e música. E maternidade. Porque coidei da miña nai sendo nai, e nai soa. Un dato non só curioso.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share