O fotógrafo avilés que viviu e traballou en Galicia nos anos da xeración Nós, Luis Casado, pon nome aos premios de creación fotográfica que promove a Deputación da Coruña cada ano, comisariados por Xurxo Lobato. Os actos desta 16ª edición comezaron en Santiago coa presentación de ‘Lume’, a serie gañadora.
Detrás da cámara, o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo. Un fotógrafo comprometido coa terra, coa xente e co oficio, que leva máis de 10 anos retratando os incendios da provincia de Ourense. As súas imaxes poderanse ver ata o 6 de novembro no Museo do Pobo Galego, e logo en itinerancia por outras vilas e cidades de Galicia.
As actividades do Premio Ksado pasan tamén por Muros, cun recordo aos fotógrafos Juan Malvárez e Perpetua Malvárez, pai e filla. E o resto da semana pola Coruña, onde estarán impartindo dúas clases maxistrais o fotoxornalista, premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e a editora da Axencia Europea de Prensa, Maria Mann.