Hoxe finaliza o Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, cunha gala de clausura na que o director de cine Xavier Bermúdez recibirá a Calpurnia de Honra, o recoñecemento máis importante do evento. O nome de Calpurnia fai referencia á primeira habitante coñecida de Ourense na época romana.
Neste Diario Cultural falamos con Xavier Bermúdez e recordamos algunhas do seus filmes máis célebres como ‘Nena’, ‘León y Olvido’ ou ‘Rafael’. O dramaturgo ourensán foi o primeiro en realizar un filme cun protagonista con Síndrome de Down, un feito moi aplaudido por numerosas asociacións.
O Festival de cine ourensán tamén presentou a monografía ‘Dos pés á cabeza. As películas de Xavier Bermúdez’, escrita polo historiador cinematográfico e crítico de cine Eduardo Galán. O escritor asegura que ‘o cinema galego existirá cando un cineasta, cunha visión persoal propia, resulta recoñecido fóra das fronteiras de Galicia como algo xenuíno”, ao que engade que “as películas de Xavier Bermúdez representan o país dunha forma moi acertada”.