Xa podemos ver na Coruña a mostra ‘Sebastião Salgado: Génesis’

Na colaboración de Rosario Sarmiento falamos da mostra Sebastião Salgado. Génesis, nos Xardíns de Méndez Nuñez da Coruña.

Producida pola Fundación La Caixa dentro do seu programa Arte na rúa, esta mostra está composta por 38 fotografías de gran formato e forman parte do último proxecto realizado polo fotógrafo brasileiro Sebastiao Salgado. Entre os anos 2004 e 2012, Salgado estivo seguindo as pegadas de Darwin e realizou este ambicioso proxecto ao longo de todo o planeta para retratar a natureza en toda a súa grandeza e esplendor.
Realizou un total de 32 viaxes, con paradas na Antártida, Madagascar, Botsuana, o Parque Nacional de Kafue de Zambia, a meseta do Colorado nos Estados Unidos, Alaska, o arquipélago das Galápagos no Ecuador, Siberia e a selva do Amazonas, entre outros.
Con recoñecementos como o Premio Príncipe de Asturias das Artes en 1998, Sebastião Salgado é, probablemente, un dos fotógrafos vivos máis famosos e recoñecido polo público xeral. Dentro do mundo da fotografia sociodocumental, Salgado desenvolveu un traballo fotográfico que se centrou arredor de cuestións como as migracións, o traballo e a relación do ser humano coa terra e a natureza.
As súas fotos sempre en branco e negro, ademais dunha gran espectacularidade teñen unha excelente composición e unha coidada técnica.
Esta exposición, comisariada por Lélia Wanick Salgado, é unha testemuña dunha larga coexistencia dos humanos coa natureza e unha oda visual a un mundo que debemos protexer.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share