A escritora Eva Mejuto publica ‘Memoria do silencio’, un libro que narra a historia de tres irmás de Ribadavia que salvaron medio milleiro de persoas da persecución nazi. As tres galegas axudaban a cruzar a fronteira con Portugal.
A maioría de historias que coñecemos da II Guerra Mundial son produto de Hollywood e de protagonistas estranxeiros. Pero, que ocorreu en Galicia?
A historia destas tres mulleres foi viaxando de persoa a persoa a través dun libreiro de Monforte. Cando as atoparon, elas fixéronlle prometer ao libreiro que agardaría ata que elas morresen para contar a súa historia.
“Temos máis presente a historia mundial que a nosa”, lamenta a escritora e engade: “A literatura e a investigación poden rescatar o que a historia non contou”.
Agora, as súas vivencias quedarán gravadas para sempre sobre tinta e papel.