Gustav Henningsen é un antropólogo e folclorista danés que realizou traballo de campo en Galicia nos anos 60. A Central Folque publica un libro que escolma algunhas das súas fotografías cun texto literario da poeta Estíbaliz Espinosa.
O danés buscaba lugares para investigar sobre bruxería e non tardaron en recomendarlle Galicia como un dos lugares nos que mellor se conservan as tradicións.
“O danés chega a Galicia buscando bruxería, pero non foi tan fácil. Para conseguir entrar nas casas e coñecer a vida da xente, comezou a sacar fotografías e regalarllas aos veciños, así foi gañando confianza”, conta o fotógrafo Eutropio Rodríguez.
“Tiña curiosidade por rexistrar as tradicións con fotografías, aínda que el non chegou con esa intención”, asegura Estíbaliz Espinosa, autora do texto.