No Diario Cultural recordamos a Xabier Docampo a través da homenaxe ‘Na voz da amizade’, que terá lugar hoxe no Teatro Rosalía da Coruña. Alí estarán compañeiros como Suso de Toro, María Canosa, Xosé Manuel Pereiro, Manuel Bragado, Xavier Senín, Xosé Cobas e Miro Casabella.
Xabier Docampo compartía profesión e filosofía de vida con Agustín Fernández Paz. Eran grandes escritores, mestres, amigos, amantes do cine e chairegos. A súa pegada permanecerá para sempre no seu alumnado.
“A imaxe que teño del é sempre cun sorriso”, recorda Alfonso García Sanmartín, mestre e compañeiro de Xabier e de Agustín. Tamén falamos co editor Manuel Bragado e con Paula Carballeira.
Ambos viviron nunha época que deixou atrás a represión e formaron parte do cambio nos primeiros anos da democracia. Os mestres quixeron contribuír dende a educación e puxeron en marcha plans innovadores para ensinar as materias na escola.
“Para min compartir con Xabier e Agustin a ilusión por cada un dos seus textos foi un agasallo que me fixo a vida e nunca terei gratitude suficiente para agradecerlles todo o que me ensinaron”, conta Manuel Bragado.