O teatro universitario é o protagonista do Diario Cultural de hoxe. Falamos con integrantes das compañías de teatro que participan na XX Mostra do Teatro Universitario de Galicia. Entre elas, temos a Loaira Sánchez e a María Alonso Espasandín, de Faísca Teatro.
“Para min o teatro é parte moi importante da formación universitaria e persoal”, asegura María Alonso Espasandín.
“Non podía imaxinar a miña vida universitaria sen o teatro”, afirma Loaira Sánchez.
“Compartimos unha inquedanza artística, que vai máis alá da nosa carreira, é unha vía de saída a nosa creatividade”, engade María Alonso Espasandín.
A compañía compostelá Faísca Teatro vén de presentar ‘O que che contei mentres facías que durmías’, unha crítica ás empresas de reparto a domicilio.
Neste espazo cultural tamén coñecemos a historia de Héctor Martínez, da Aula de Teatro Universitario de Ourense María Castaña, quen descubriu o mundo do teatro despois de romper o brazo durante un partido de fútbol cos amigos.