Esta mañá preséntase a programación completa do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2019. Neste Diario Cultural descubrimos todos os detalles desta nova edición.
Radio Galega Música volverá retransmitir o Festival de Ortigueira e emitirase un ‘Lume na Palleira’ especial desde o Teatro da Beneficencia. Hoxe falamos con Alberto Balboa, coordinador deste festival.
Ortigueira é un festival arraigado ao seu pobo e conectado con músicos internacionais. Un proxecto que naceu a finais da década dos 70, moito antes de que aparecera a gran burbulla dos festivais de moda.
A esencia de Ortigueira está na música tradicional, pero tamén nos elementos de experimentación. Música, entorno e veciñanza son elementos que conflúen neste recuncho de Galicia, o único lugar do mundo onde tería sentido celebrar este festival.