No Día da Música celebramos os 50 anos da Canción Galega. A Escola Municipal de Música de Santiago pon en valor o patrimonio musical galego no seu festival de fin de curso, coa participación de Espiño, Nastasia Zürcher, Guadi Galego, Najla Shami e Ramón Bermejo, entre outros. Ás sete do serán, no Auditorio de Galicia.
No Diario Cultural falamos con Alfonso Espiño, músico, investigador e participante nos 50 anos da Canción Galega. Formou parte de Los Chavales, grupo galego cun repertorio cheo de hits dos anos 60. Tamén é historiador, un experto da música dos 60. Defende a súa tese de doutoramento o día 28 de xuño.
Tamén escoitamos a Fernando Hernández, alumno da especialidade de gaita da Escola Municipal de Música de Santiago dentro do plan educativo para adultos.
A canción ‘O tren’, de Andrés do Barro, alcanzou o número un das listas en España nunha época en que o galego estaba prohibido e sobrevivía entre unha minoría da poboación.
“O tren que me leva pola beira do Miño
me leva e me leva polo meu camiño…”
Na Radio Galega facemos unha viaxe pola nosa historia a través da banda sonora de cada época.