A microbióloga Alicia Estévez Toranzo recibe o premio Wonenburger 2018, un recoñecemento a unha gran traxectoria profesional na que hai un gran número de artigos científicos publicados, investigacións, proxectos e patentes.
Neste Diario Cultural falamos coa científica sobre acuicultura e patoloxías. Un dos retos que persegue na actualidade é averiguar como influé o cambio climático nos peixes que se crían na piscifactoría. Polo momento, está demostrado que o aumento da temperatura afecta tanto o peixe como os microorganismos.
Alicia Estévez Toranzo denuncia que o problema da conciliación laboral e familiar segue sendo unha cuestión de mulleres, polo que son elas as que seguen sufrindo as inxustas consecuencias de ser nais.
Os estereotipos de xénero son outra das cuestións que máis preocupa á microbióloga. Dende a infancia, é importante educar na igualdade e recordar que todos temos as mesmas capacidades para rachar coa idea de que os homes teñen que estudar carreiras como enxeñaría ou informática, mentres que as mulleres están máis preparadas para carreiras vinculadas cos coidados ou as humanidades.