Todas as colaboracións

Recursos web para o teatro galego

Facemos un repaso por unha serie de recursos on line que nos permiten coñecer, ler, informarnos e conectarnos coa práctica escénica (galega). Poder facer comunidade, ter en conta ás persoas espectadoras, termos acceso a análises e estudos críticos sobre teatro, facer circular información sobre eventos, iniciativas, mesas de debate, cursos, etc., son fundamentais os espazos abertos e as novas canles de comunicación e que así os espectáculos non fiquen aillados nos teatros e ás veces desapercibidos na axenda cultural.
Nesta ocasión queremos destacar dúas webs novas: mundoescenico.galescenanorte.com.
A primeira nace como unha plataforma comunitaria para dar a coñecer eventos escénicos e musicais e para intercambiar ofertas e demandas de servizos profesionais coma unha rede social. A segunda é unha web asociada a un proxecto das asociacións profesionais de teatro de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco: Camiño Escena Norte. Unha nova iniciativa de circulación de espectáculos profesionais entre as comunidades do norte, próximas pero se cadra moi descoñecidas aínda. Un novo xeito de achegarnos máis ao teatro e de que nos coñezan mellor a nós tamén.
O teatro que loita contra o efémero, a súa aparente característica esencial, é o que ten máis garantías de sumar, consolidar, documentar e transformar as vías de progreso.

Estrea de ‘Daimon e a fodida lóxica’, de Matarile Teatro

Daimon ou demon é un termo de orixe grega co cal aquela sociedade facía referencia ao destino particular das persoas. Na posta en escena que Matarile estreou a pasada fin de semana na Sala Ártika de Vigo, emprégase este concepto como punto de partida pra facernos sentir, percibir e vivenciar unha serie de cadros diversos, enfiados por un anxo e ás veces demo con ás ou nariz longo de pau, danzando entre o elenco que se presenta, que nos pregunta polo medo, que nos canta unha canción de karaoke, que reflexiona sobre os referentes da directora Ana Vallés e as presenzas máxicas que habitan a (súa) escena: Pina Bausch, Tadeusz Kantor, Ono, Roberto Bolaño… Un elenco composto por actrices, músicos, actores, bailarinas (Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Celeste, Alba Loureiro, Cristina Hernández Cruz, Nacho Sanz, Jorge de Arcos, Neus Villà Jürgens, Ana Cotoré) con Baltasar Patiño replicando co espazo (lumínico) e que nos presentan a materia do berro, da ironía, do misterio, da esperanza, do inexplicable, dos preconceptos, do decorrer da vida (pero que vida? vida digna? vida elixida? vida trazada?)
Daimon ten, loxicamente, moitas das características compositivas e estéticas da compañía, fundada en Santiago de Compostela no ano 1986: a autorreferencialidade, a fragmentación, a crítica (tamén vemos a autocrítica e a autoparodia na primeira escena, cando se fala de compañías e Ricardo Santana confesa ao micrófono que o peor que lle pode pasar a un artista é a indiferenza, por iso apunta que ás veces a mellor solución é a vaidade). Pero nesta peza temos proxección audiovisual e ten un especial protagonismo a música, un espazo sonoro creado ao vivo que nos transporta por sentimentos diversos, irracionais, libres. Porque iso é ao que nos convida Matarile: a sentir libremente e voar cos nosos anxos e demos, sen racionalizar por que voamos.

Cal é a situación do FITO de Ourense logo da retirada de apoio por parte do Concello?

A situación do FITO de Ourense logo da retirada de apoio por parte do Concello ourensán e o texto dramático ‘O día no que bicar a terra’ de AveLina Pérez no comentario semanal de artes escénicas con Roberto Pascual.

Teatro de rúa galego: Diverso, crecente e de calidade no verán

O verán é moi propicio para as actividades ao aire libre e hoxe queremos facer unha breve escolma de compañías galegas de teatro de rúa, con moita presenza en programas de festas, ciclos ou actividades vacacionais; da man de Roberto Pascual
Moitas compañías deciden especializarse neste ámbito e as propostas son cada vez máis competitivas, pois máis ca encher de actividades un programa, a calidade e a creatividade priman, ao igual ca noutros ámbitos da profesionalización teatral.
Queremos, pois, sinalar os espectáculos Ghop!, da nova compañía Teatro ao Cubo e o premiado Oh limpiadas, da compañía Sincronacidas. 
A primeira é unha divertida, participativa e virtuosa fusión de circo, maxia, monicreques e humor arredor do propio mundo do espectáculo, das virtuosas habilidades e da idea de divertimento. A segunda, sen renunciar a iso, proponnos unha reflexión sobre o rol e presenza das mulleres no mundo do deporte e polo tanto, unha visión crítica sobre a desigualdade. 

Homenaxeamos a Celso Parada

Comezamos a colaboración semanal de Roberto Pascual nas Artes escénicas cunha lembranza ao actor Celso Parada (Moaña, 1958), falecido esta fin de semana. Reflexionamos arredor da representación de Dona Barriga Verde de Larraitz Producións nas rúas de Sarria.

Estrea de Curva España, coprodución de Chévere coa MIT

Pechou a 35 MIT cun balance moi satisfactorio.  A ampla difusión de actividades e a valoración do programa de espectáculos articulado arredor do documento, a identidade ou o teatro físico, concitaron un espazo de intercambio e diversidade inigualable.
O día de Galicia, Chévere estreou Curva España, unha peza que parte dun feito real: a morte en estrañas circunstancias do enxeñeiro España nunha estrada preto de Verín e as consecuencias, especulacións e diversidade de mitos que se abren a partir diso e do cambio do trazado do tren na súa entrada por Galicia. Autoficción, thriller, documentalismo, reflexión sobre a política territorial, teatro sen concesións que bebe do audiovisual e de entrevistas para espertarnos a consciencia crítica con respecto á verdade e ao poder na conformación dos relatos.

No palmarés do público da 35 MIT de Ribadavia, Empate no Premio do Público da MIT 2019. Os espectáculos A.K.A. (also known as) de Cataluña e Jauría, dos madrileños Kamikaze, obtiveron a maior puntuación nunha edición altamente satisfactoria para todos os públicos.

 
A estrea en Galicia destes dous espectáculos non defraudou: o excepcional nivel interpretativo de Albert Salazar en A.K.A. aumenta o palmarés deste fenómeno teatral de pequeno formato que se puido ver na Igrexa da Madalena. Aos 11 premios cos que chegou este texto que fala de cuestións de fondo social coma a islamofobia ou a crise de identidade, súmaselle este rotundo aplauso do adestrado e sensible público de Ribadavia, acostumado a ter en cada edición espectáculos de diferente formato e xénero. 
 
Por outra banda, Kamikaze, na liña do teatro documento, encheu o Auditorio do Castelo e recibiu un gran aplauso por Jauría, espectáculo creado a partir do auto xudicial do caso de La Manada e que en Ribadavia presentou un novo final para a peza despois da sentenza xudicial recentemente coñecida. A intelixente dramaturxia de Jordi Casanovas, a elegante posta en escena de Miguel del Arco ou a perfecta interpretación coral dun gran elenco, conduciron a situar a este espectáculo do último día da MIT compartindo primeiro posto no Premio do Público da MIT 2019.

Os premios Coiro de Pita

Poñémosche o ramo á tempada teatral cos premios Coiro de Pita, que o público da sala Ártika do Porriño concedeu á compañía Mortificación Teatro.

Reparamos tamén nunha nova compañía galega, Acusmaser Opus, que estrea na MIT de Ribadavia ‘Nun cuarto da rotonda. Beckett + Pinter’. Federico Pérez, Evaristo Calvo e Santi Romay crean un espectáculo a partir de textos de Harold Pinter e Samuel Beckett.

A formación permanente nas Artes Escénicas

Cursos, obradoiros, seminarios con “Ningén nace haprendido”. O verán acostuma ser un bo momento para a formación de profesionais e persoas afeccionadas ás artes escénicas, tanto pola baixada da actividade nos teatros coma polos cursos que ofrecen os festivais nas súas actividades paralelas.

O CDG está a ofrecer unha serie de cursos baixo o lema “Ningén nace haprendido”, un necesario espazo de convivencia, laboratorio creativo e estimulante. Por onde camiña o interese formativo, cales son os efectos e as posibilidades dos espazos de investigación, residencia e aprendizaxe non regrada.

Facemos un repaso polo teatro que vén, o oficio e a necesidade de reciclaxe permanente, a cohabitación e a exploración de recursos creativos en Galicia fóra das escolas municipais, das aulas de teatro universitarias e da Escola Superior de Arte Dramática. Imos ás escolas de verán.

As variantes do humor na Mostra de Cangas

O humor en todas as súas vertentes orienta a Mostra de Teatro de Cangas.

A gran ofensa, formato televiso procedente de Cataluña que fai partícipe á persoa espectadora converténdoa en xurado popular para ditaminar o veredito duns humoristas acusados por unha vítima do terrorismo por atentar e ofender cos seus chistes ao seu honor. Cando deixa de ser humor un exercicio cómico libre e pasa a ser un delito, por enaltecemento do terrorismo ou incitación ao odio, por exemplo?

Vacas, guerras, porcos e cregos, de Quico Cadaval amosa un humor apegado a outro contexto explorado polo comediante, que investiga e documenta léxico, anécdotas e historias verosímiles da veciñanza do seu lugar natal. A sociedade, a recepción é a que perfila o humor e a súa eficacia, o grao de tolerancia, o poder e o valor concedido.

Estes días no festival de Cangas podemos tomarlle a temperatura ao tratamento do humor, ao debate que xera e o moito que nos libera, nos proe ou nos remove.

Dramaturxias itinerantes

No mes de xullo celebráronse dous encontros, en Santiago de Compostela e en Vigo, para fomentar os lazos entre a dramaturxia galega e a portuguesa, organizados polo Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões e a ESAD de Galicia. Agora, o Consello da Cultura presenta na súa web a edición dixital dos dous textos protagonistas das xornadas, Os cans non comprenden a Kandinski de Avelina Pérez e Escudos Humanos. Uma peça de acção com muitas palavras, de Patrícia Portela.

Os textos foron lidos polo grupo de teatro do Camões de Vigo, Eu experimento, dirixido pola dramaturga e directora Vanesa Sotelo e por alumnado da ESAD dirixido pola profesora Nuria Montero. Ambas lecturas e o coloquio moderado polo profesor Afonso Becerra, poden verse tamén na mediateca da web do Consello da Cultura Galega. Son a pegada dun camiño rico, dunha encrucillada de intereses e comunidades culturais, como indicou na presentación a coordinadora da sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Dolores Vilavedra.

Pin It on Pinterest