Todas as colaboracións

Redescubrindo a vida de José Baldomir

Luis Miguel Crespo, o noso colaborador experto en música clásica, fálanos hoxe sobre José Baldomir, o máis novo dunha serie de compositores relevantes do chamado como rexurdimento musical galego ou nacionalismo musical galego, abandeirado por figuras como Pascual Veiga, Xoán Montes, José Castro “Chané” ou Marcial del Adalid.

Andrés Gaos, unha das figuras máis importantes da música galega no 2019

A USC vai conmemorar neste 2019 o Ano Gaos, no que haberá importantes celebracións en diversas cidades galegas.

Andrés Gaos foi un violinista, compositor, director e docente galego que naceu na rúa do Orzán, na Coruña, un 21 de marzo de 1874 nunha familia con moita tradición musical. A súa obra compositiva conta con máis de 70 títulos, incluíndo repertorio escénico, orquestral, pianístico, para violín, para violoncello, e para voz e piano.

Ourense acolle o 3º Ciclo Lírico Ourense 2018

Luis Miguel Crespo infórmanos sobre o último na música clásica. Nesta ocasión achéganos o 3º Ciclo Lírico Ourense 2018. A cidade das Burgas acolle desde esta fin de semana unha cita que servirá de homenaxe a dúas das voces máis importantes da lírica a nivel nacional e mundial: Teresa Berganza e Monserrat Caballé.

Galicia, terra de bandas de música

Galicia, ademais de moitas outras cousas, é terra de bandas de música, xa que segundo datos da Federación Galega de Bandas de Música Populares hai 92 bandas federadas, cunha media de 40 músicos. Ademais disto, os premios acadados por diversas formacións fóra das nosas fronteiras acreditan a calidade da que gozan as formacións galegas.

Facendo un mínimo repaso histórico, no caso galego foi no s. XIX cando comezamos a falar de bandas documentadas, e eran sobre todo de ámbito militar. Os directores e músicos destas bandas foron logo responsables en moitos casos da fundación de bandas populares, que comezaron a xurdir a mediados deste século.

Para saber un pouco máis sobre este tema falamos co noso colaborador Luis Miguel Crespo.

Pepito Arriola e o Mestre Vide

Achegámonos hoxe ás figuras de dous compositores galegos que viviron nunha mesma época, aínda que con traxectorias vitais e compositivas distintas. Por un lado saberemos máis de Pepito Arriola, que era coñecido como o “Mozart galego”. De nome José Rodríguez Carballeira, foi un neno prodixio que deu o seu primeiro concerto de piano aos 4 anos, que estudou nada máis e nada menos que co alemán Richard Strauss, que foi pianista do emperador Guillermo II de Alemaña, e que obtivo recoñecemento mundial ofrecendo recitais por toda Europa e América. Como compositor, escribiu obras para piano, un Cuarteto de Corda, Concertos e concertinos para solista e orquestra, música para orquestra e voz, etc. Desgraciadamente a meirande parte da súa obra destruíuse durante os bombardeos dos aliados en Berlín no ano 1945. Faleceu no esquecemento en Barcelona no ano 1954.

José Fernández Vide (Ourense, 1893) ingresou aos 8 anos no coro da capela de música da Catedral de Ourense, e xa en 1908 foi nomeado organista interino. Traballou como director do Orfeón Unión Orensana e como mestre de música na Escola Normal de Maxisterio. En 1924 marchou á Habana para traballar como docente na Academia de Belas Artes do Centro Galego, e tras acadar un importante prestixio e recoñecemento, decide regresar a Ourense en 1932 reintegrándose na actividade que levaba a cabo antes como director do Orfeón, na Escola Normal de Maxisterio, e no Instituto das Lagoas. Así mesmo, foi abundante a súa labor como pianista a solo ou con grupo en cafés e locais musicais. Compuxo moita obra para piano e para piano e voz, ademais de música de salón, suites e pezas galegas, moita obra coral, e incluso dúas zarzuelas: Proba d’amor e Miñatos no vran, ámbalas dúas compostas e estreadas en Cuba.

Pin It on Pinterest