Todas as colaboracións

A Asociación de Dramaturxia Galega publica o libro ‘DramaturGA 20’

O noso colaborador Roberto Pascual fálanos do libro DramaturGA 20, da editorial Invasoras, que ven de publicar a asociación de Dramaturxia galega.Un conxunto de pezas marcadas pola pandemia, a diversidade de estilos e a necesidade de visibilizarse. Facemos un repaso pola dramatuxia galega actual, que vive momentos doces, con Esther Carrodeguas na tempada do Teatro Español de Madrid co seu texto das dúas Marías Voaxa e carmín (Premio Abrente da MIT de Ribadavia) e momentos de incertidume ante esta situación histórica. 
Roi Vidal, Francisco Oti ou Afonso Becerra son algúns dos nomes que se recollen nesta escolma libre e aberta, dunha asociación en marcha, con outras iniciativas como a edición dos textos do Torneo de Dramaturxia da Mostra de Cangas e outros que queren alentar a escrita teatral dos nosos días.

As artes escénicas de rúa: o Festival de Artistas de Rúa de Redondela

Aínda que Galicia é terra de festas, feiras e romarías, chama a atención a febleza profesional no ámbito das artes escénicas de rúa. A diferenza doutros lugares próximos, como o prestixioso festival TAC de Valladolid, a puxanza das artes de rúa no País Vasco con destacados festivais coma o de Leioa ou Lekeitio e incluso a forza da asociación Artekale, a Fira de Tàrrega en Cataluña ou o Imaginarius e o Festival dos Canais en Portugal, Galicia non ten explorado esta oportunidade de xeito rigoroso e profesional, tanto na creación coma na Dirección artística, agás contadas excepcións.
O pasado día 7 celebrouse en Redondela o XXI festival de artistas de rúa. Como pode haber un festival que leva nada máis e nada menos que 21 edicións sen apenas repercusión? Basta con xuntar varios espectáculos para soster un festival nunha soa tarde? Que retos e que posibilidades teñen as artes de rúa en Galicia? Un país chuvioso pode ser un atranco? Será precisa formación específica?
O noso colaborador Roberto Pascual tenta respostarnos a algunha destas preguntas.

Des-hetero-patriarcalizar o relato cultural, histórico e político: Nós xs inadaptadxs

O noso colaborador Roberto Pascual fálanos hoxe de Escena Queer a propósito da publicación do libro Nós xs inadaptadxs, centrándose nos estudos de Gena Baamonde e Alfonso Becerra, e especialmente nas pezas ou artistas ás que fan referencia: Pálido Domingo, Teatro Bruto… 

Estreas a esgalla, pero poucas oportunidades para o público

O noso teatro conta con numerosas estreas ao longo de todo o ano. Apuradas polos prazos administrativos nas xustificacións de axudas e pola perversidade do sistema, que procura a novidade e a escasa estabilidade e asentamento de proxectos e polo tanto de dinámicas de calidade na creación, as compañías vense obrigadas a unha presión por facer algo novo cando o anterior non foi nin distrubuído por unha parte considerable de concellos de toda Galicia nin ás veces cos tempos suficientes para chegar á estrea con bo ritmo e a peza ben afinada.
Quizais isto é o que vexamos estes días con estreas en moitos teatros. Dentro das varias coproducións do CDG que se dan estas semanas (na meirande parte proxectos que quedaron fóra das subvencións da AGADIC) atopamos a versión de Os nenos da varíola para as táboas. Un espectáculo que adapta a historia da novela de María Solar sobre a expedición filantrópica dos nenos dos hospicios da Coruña que levaron a vacina da varíola a América. Sen poñer o foco en ningún aspecto concreto, a peza presentouse como unha recreación dese ambiente histórico sen apostar por un estilo claramente definido e cun fleble afianzamento do texto por parte do elenco.
Por outro lado, a Sala Ingrávida presentou unha peza de teatro documento a partir dun suceso que lle ocorreu á propia directora hai un ano, nos actos do 8M no Porriño, onde declarou que máis do 50% dos homes dese municipio colaboran co sistema prostitucional local. Estas declaracións espertaron comentarios ofensivos nas redes, terxiversacións e maledicencias nos medios de comunicación e foron o impulso para crear Putero, radiografía dun pobo, que botando man de recursos do teatro documento (fotografías, vídeos, noticias reais, participación do público, etc.) permitiron estrear un espectáculo que aínda precisa de afinación do material técnico e da teatralidade de moitos elementos para axudar a crear ese debate san e necesario arredor de calquera tema que semelle espertar sensibilidades (de índole moral, económica e social) ás que o teatro pode contrubuír para espertar reflexión respetuosa, visibilización e xogo (pois malia o rigor, o teatro non é nin socioloxía, nin política, nin economía, nin relixión…) O teatro é xogo e tamén provocación, como xeito de sermos unha sociedade mellor.

Liberto, a peza con máis candidaturas aos Premios María Casares

Foi a gran sorpresa das candidaturas dos María Casares, cun total de 7. É o espectáculo que máis colleitou e tamén un dos que máis desapercibido pasou ata o momento. Esta pasada fin de semana presentouse nun ateigado auditorio do Concello de Vigo e foi acollido por un prolongado e emocionado aplauso do público.
Trátase da ópera prima dunha directora de escena, Tamara Canosa, que demostra unha gran destreza tanto na definición do motor dramatúrxico coma na adaptación dun texto que rezuma vida, emoción e atracción, dende o corpo e a voz de tres grandes actrices (unha delas, Lucía Aldao, tamén intérprete musical en directo). Liberto, de Marelas, é un espectáculo que dende a sinxeleza é quen de amosar a potencia dunha historia común e actual sen adubíos innecesarios, cunha magnífica iluminación de Coti Faro, entre o espazo referencial do mundo hospitalario e as circunstancias emocionais da personaxe protagonista.
O espectáculo ten moito interese para todo tipo de públicos, pode acompañarse dun proxecto pedagóxico de moita utilidade para as aulas de secundaria e refrenda o atino do bo traballo en equipo arredor dun tema potente, sobre a desmitificación da maternidade e outros prexuízos sociais en torno ao amor e á vida ou a morte.

Tempo de estreas. Ensalle e Noroeste, do teatro máis alternativo ao máis conservador.

Atendemos á diversidade de estilos, de gustos, de públicos e de maneiras de concibir o teatro e as súas funcións. Esta pasada fin de semana estreáronse dous espectáculos aparentemente diferentes, pero en certa maneira con vocación de chegar a públicos moi específicos ambos. Ensalle estreou “Antes de que llegue la bestia”, subvencionado pola Xunta de Galicia na categoría de danza (aínda que non é só danza, pois hai texto en castelán coma no caso doutras pezas híbridas coma “Daimon y la jodida lógica”, de Matarile.) Teatro do Noroeste estreou “As virxes salvaxes”, unha das compañías máis veteranas e tamén das que máis subvención recibe da Administración, porque ese seguramente é o criterio e o mérito de maior peso no ámbito das nosas políticas culturais, a veteranía.
Mais como xestión e públicos ou realidade oficial, realidade artística e realidade social ás veces son radicalmente mundos diferentes, falaremos das pezas e da súa recepción. Noroeste en Bertamiráns, onde público maioritariamente xubilado gozou e aplaudiu a comedia delirante duns personaxes pechados nunha residencia de persoas maiores que desexa acabar coa existencia de todos os residentes. Unha peza con ton afeccionado que desexa conectar con eficacia con ese público e sen outra pretensión estética. Por outro lado, Teatro Ensalle na súa sala de Vigo aborda de xeito máis intercultural e para un público máis receptivo á densidade de referencias históricas, culturais e formais unha creación que fala do fracaso social, da derrota, da soidade, do suicidio no momento político global actual.

O Novo Circo Galego

A compañía IO estrea nova peza no teatro que lle serviu de residencia e investigación para dar a luz “Espida”, a efervescente Sala Ártika de Vigo.
Coa idea de fomentar a creatividade, fusionar, divertir, sorprender e emocionar, este selo nace da man de Álvaro Pérez e Álvaro Reboredo, artistas de circo que compartiron experiencias formativas na escola de circo Carampa ou no Circo dos Muchachos. Déronse a coñecer en 2016 cun moi valorado espectáculo titulado “Contiguo” e agora presentan unha peza máis política, poética e conceptual.
“Espida” fala das posicións binarias, da educación familiar, da presión social con respecto ás estiquetas de xénero, da instrumentalización dos corpos e da adscrición dos de home ou dos de muller en certas retóricas da imaxe social que este espectáculo pretende deconstruír e mesturar. Espazo sonoro, verbal, visual, ao servizo do pulo do novo circo galego, disposto a innovar.

Estrea de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro

A colaboración de Roberto Pascual céntrase na estrea de ‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro
A compañía Ibuprofeno estreou nova peza, con texto orixinal de Santiago Cortegoso e interpretación de Marián Bañobre e Avelino González. O mel non caduda é un paso adiante e de consolidación dunha compañía que aposta pola dramaturxia galega de autor e a escrita a pé de obra de temas que lle afectan á sociedade actual. Comezou a partir do interese pola obsolescencia programada, sobre o que a compañía realizou talleres e exploracións, para chegar a unha historia, que mestura futurismo e consciencia ecolóxica e así falar do abandono familiar, do estilo de vida consumista ou as sofisticadas leis da natureza, etc.
Cunha mestura de lirismo e narratividade, vaise entretecendo a historia de dous irmáns que descobren o corpo da súa nai morta e esquecida dende hai tempo no medio de escenas distópicas sobre uns científicos que pretenden recuperar unha especie vital e sostible, as avellas, xa extinguidas. Un mundo conceptual a través do cal se compón tamén a escenografía e os xogos teatrais, con esixencia física e un afinado ritmo textual. Na preestrea, en Catoira, o encontro co público, a unha semana do lanzamento, foi produtivo para ambas partes e unha experiencia moi rica arredor da creación escénica, en comunidade, coherente co lema de vida sobre o que nos fai reflexionar a peza

Paisaxes en extinción

A xornada “O estado da danza en Galicia” celebrada no Consello da Cultura Galega evidenciou unha paisaxe negra na última década para as artes do movemento en Galicia. O director da AGADIC anunciou publicamente que se eliminará a figura de director/a do Centro Coreográfico Galego, ademais da redución do seu orzamento en máis dun 65%. Tamén recoñeceu que apenas hai difusión da creación de danza en Galicia.
Un dos escasos soportes de información e documentación para a danza e o conxunto das artes escénicas, a Revista Galega de Teatro, chega ao seu número 98 coa alarma da posible desaparición ante a falta de apoio público.
Reflexionamos sobre as agresións ao ecosistema da arte escénica galega hoxe e apuntamos posibles vías sobre a coordinación neste ámbito é o dereito cidadán de acceso á cultura escénica diversa.

Domingos do Principal – Escena en familia

O 12 de xaneiro comezou o ciclo “Domingos do Principal” na cidade de Pontevedra, un referente de programación escénica pensado para vivir unha experiencia familiar celebrando a diversidade, tanto de familias coma de estilos e xéneros. Ata o 1 de marzo, esta liña de programación do teatro, dálle vida ao público e ao edificio teatral en dobre sesión dominical e extende a estadía da compañía algúns luns con funcións concertadas escolares.
Comezou esta nova edición cunha das pezas máis innovadoras e pemiadas do circo contemporáneo galego: Só, de Xampatito Pato e ata o 1 de marzo haberá 7 espectáculos máis: galegos e de fóra de Galicia, dende o universo innovador da murciana Onírica Mecánica ata a música fusión dos galegos Píscore. Teatro de calidade, escena como experiencia familiar e teatro aberto a todos os públicos (a partir de 3, 4, 5 ou 7 anos…)

Pin It on Pinterest