Todas as colaboracións

Falamos de ‘Parangolé’ de Pablo Fidalgo e ‘Sardiña’ de Miriam Reyes

Dúas reapropiacións: Parangolé de Pablo Fidalgo Lareo (Chan da Pólvora, 2019), Sardiña de Míriam Reyes (Chan da Pólvora, 2018)

Parangolé (Chan da Pólvora, 2019), é o primeiro poemario en galego do poeta e dramaturgo Pablo Fidalgo Lareo, nacido en Vigo en 1984. Partindo dun nome que tanto remite á leria e ás conversas barullentas como aos parangolés do artista carioca Hélio Oiticica —capas de materiais reciclados que revelan as súas cores na fluidez da danza—, o poemario flutúa entre a celebración do caos e dos espazos, construtores de identidade e outredade. A autoanálise e a disposición poética, inquisitiva e asertiva a un tempo, capaz de revisar as correntes afectivas, permítennos recoñecer ao autor que xa traballara os exilios familiares noutras pezas, mentres o poemario asenta noutras viaxes e noutros apoios simbólicos como o parangolé ou as aves.

Sardiña (Chan da Pólvora, 2018), da autoría de Míriam Reyes e inserido na colección “Areal de Melide”, destinada a proxectos interartísticos, é o primeiro poemario en galego da autora, que nace en Ourense en 1974 e emigra a Caracas aos oito anos. A importancia do traballo fotográfico e performativo desenvolto en exclusiva para o libro —verdadeira seña do seu quefacer como creadora—, conflúe aquí coa indagación metalingüística. O achegamento á lingua dos afectos, á lingua do avó ao que dedica o volume, é tan libre como dificultoso, un camiño de respecto e frustracións, de fragmentos riscados e inclusión de materiais da memoria. As palabras teñen corpo, lugar no corpo, contan unha historia allea e propia.

Lemos poesía de Luz Pozo Garza e Andrea Alciato

Dous regresos, memoria e emblemas: Pazo de Tor de Luz Pozo Garza (Alvarellos, 2018) e Libro de emblemas de Andrea Alciato (Rinoceronte, 2019)

Pazo de Tor (Alvarellos Editora) é o regreso poético de Luz Pozo Garza na colección “Libros do Sarela”. Con sete décadas de oficio poético, a autora realiza unha busca vital e xenealóxica, vinculada ao pazo sobre o Val de Lemos que dá título ao libro, e ao que a familia dos Garza estivo ligada. Tamén “unha poética materna”, como Carmen Blanco sinala, marcada polo habitual ton reflexivo da autora, a súa malla simbólica, a plasticidade elegante das imaxes e mesmo polas homenaxes e referencias queridas, de Luís Pimentel ao Coleridge da “arpa eólica”.

Libro de emblemas (Rinoceronte Editora), da autoría de Andrea Alciato (século XVI) é unha recompilación de emblemas renacentistas, isto é, ilustracións alegóricas canda un título e un epigrama explicativo en verso, cun propósito moral ou didáctico. De enorme influencia na literatura e artes figurativas, esta escrita “mediante símbolos velados”, cargada de alusións e significados, chega ao galego con tradución, introdución e notas de Raúl Gómez Pato, á súa vez director de Vétera, colección xa fundamental no panorama editorial galego, tenaz na súa apertura a outras literaturas e momentos históricos.

Artefactos entre o poético e o visual

Artefactos entre o poético e o visual: a plaquette Berta de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora, 2019) e o libro de artista Parece unha formiga de Pablo Otero (Faktoría K, Kalandraka, 2019).

Berta (Chan da Pólvora), artefacto coidado, breve e intenso como o son as plaquettes, chega a nós no primeiro cabodano do pasamento de Berta Cáccamo, trenzando ilustracións conceptuais da pintora, ese fluír de manchas e fíos, canda unha composición poética en homenaxe, escrita por un dos seus irmáns, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo. Sendo a intimidade un efecto da linguaxe, Cáccamo ofrecénos un texto máis directo e entrecortado, cunha restra de referencias-ponte entre os irmáns (xeográficas, pictóricas ou literarias) e atendendo ao quefacer artístico de ambos.

Parece unha formiga (Faktoría K), o libro do artista visual Pablo Otero, capaz de abrir a colección Rizomas, parte dunha forma mínima (formiga, mancha, pegada, lunar…) para obter rendemento da suxerencia, da redundancia, e tamén do xogo, dunha transformación visual ou lingüística que nos leva da man aos grandes interrogantes. Un volume atrevido e híbrido, que non precisa clasificacións xenéricas nin etarias para abrirse coa potencia precisa.

Falamos de ‘Un libre favor’, de Chus Pato

Alba Cid fálanos de ‘Un libre favor’, de Chus Pato.

Laiovento publica ‘Caderno dun regreso á terra natal’

A editorial Laiovento publica ‘Caderno dun regreso á terra natal’, do escritor Aimé Fernand David Césaire.

Redescubrindo a Rosalía de Castro

Aproveitando que estamos na Semana das Letras, Alba Cid achéganos á figura da padroeira das Letras Galegas -Rosalía de Castro – co reto que propón Helena González en Rosalía feminista e mais a nova edición de En las orillas del Sar, con estudo, edición, notas e comentarios de Anxo Angueira. 

Coñecemos ‘Feliz idade’ de Olga Novo

Na colaboración desta tarde Alba Cid preséntanos o poemario ‘Feliz idade’ de Olga Novo. Un libro que a autora divide en sete partes como por exemplo ‘Poesía en posición fetal’, ligada á concepción da súa filla e ao embarazo; ou ‘Zona tigre’, unha parte adicada a seu pai e na que reflexiona sobre a xenealoxía, a perda da linguaxe, a memoria…. Feliz idade’ está editado na colección Tambo de Kalandraka.

“O puño e a letra” fusiona poesía e cómic

Como cada martes toca mergullarse nos mares da poesía da man da nosa colaboradora Alba Cid. Hoxe vainos levar de viaxe pola traxectoria de Yolanda Castaño a través do libro “O puño e a letra” no que se fusionan poesía e cómic.

Algúns dos maiores representantes da banda deseñada galega encárganse de interpretar con total liberdade 40 poemas de Yolanda Castaño coa única limitación do espazo: unha páxina.

O regreso á poesía de Xabier Cordal con “Resistencia da auga”

A nosa colaboradora experta en poesía, Alba Cid, fálanos hoxe do oitavo título da colección principal de poesía de Chan de Pólvora.

Celso Fernández Sanmartín publica unha nova obra de poesía

A publicación ‘A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez’ é outra das novidades de finais de 2018. Unha obra do poeta e narrador oral Celso Fernández Sanmartín en Apiario (Colección Cera labrada), que non moi habitualmente chega á nos por medio de selos editoriais.

Pin It on Pinterest