Todas as colaboracións

O regreso de Sibila e de Rosa Aneiros

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Sibila, a máis recente novela de Rosa Aneiros.

Sibila (Xerais) é unha historia futurista, protagonizada por unha muller que regresa á illa da súa infancia nunha procura que ha resultar unha viaxe interior aos abismos do ser.

O sentido de pertenza á tribo, a unión telúrica co lugar do que se procede, a pulsión da maternidade e o poder irrefreable de Eros entrecósense nesta historia para tecer un misterio escuro que agocha, tras un pano de equívocos, a luz cegadora da instinto vital.

 

 

‘Non debeu faltar’

Esta semana o título ao que nos convida Armando Requeixo é Non debeu faltar, de Xosé Lorenzo Tomé.

Non debeu faltar (Toxosoutos) é a historia dun amor que se abre camiño fronte a todo e fronte a todos, vencendo as tebras dunha España chea de prexuízos e aferrollada politicamente. A mediados do pasado século, unha moza noviña e un crego namoran e deciden seguir adiante coa súa relación, malia teren todo na súa contra. A solución atópana na fuxida ao estranxeiro, mais cruzar as fronteiras non vai ser un traballo doado.

Novela breve, escrita en curtos capítulos e un longo flash back, Non debeu faltar regálanos un historia chea de personaxes intensos, que se moven entre as forzas contrarias do amor e do medo e que conseguirán vencer non poucos obstáculos para forxar un futuro xuntos.

 

 

 

A través dos ollos dunha carteira

Esta semana Armando Requeixo fálanos da última novela de Santiago Lopo, A carteira.

A carteira (Xerais) achéganos á vida dunha rapaza nova que é chamada das listas de substitución de Correos e acaba destinada nunha cidade que non é a súa e que descoñece, polo que terá que aprender o oficio ao tempo que vai afacéndose aos peculiares habitantes da súa zona de reparto.

A empregada postal vainos desvelando no día a día as complexas vidas daqueles cos que se cruza e aos que leva envíos. Deste xeito, o desempeño do seu traballo amósanos todo un calidoscopio de seres que, por xunto, conforman un singular enxame de existencias dalgún xeito interconectadas e, asemade, neste ir e vir da carteira imos tamén sabendo do seu proceso de maduración e exploración interior.

 

 

A vida secreta de Úrsula Bas

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de A vida secreta de Úrsula Bas, a última novela de Arantza Portabales.

A vida secreta de Úrsula Bas (Galaxia) mergúllanos na trepidante historia do secuestro dunha famosa escritora que terán que investigar os policías Santi Abad e Ana Barroso, da Comisaría de Santiago de Compostela.

Cheo de reviravoltas inesperadas, este relato é ao tempo un intenso thriller policial e tamén a viaxe duns personaxes na procura da súa verdadeira identidade. Novela negra e psicolóxica, cun avolto océano de afectos a envolvelo todo.

 

 

‘A literatura galega na ollada de Emilia Pardo Bazán’

Esta semana Armando Requeixo convídanos a relembrar a figura de Emilia Pardo Bazán, da que o pasado 12 de maio se cumpriu o centenario do pasamento.

O libro escollido para facelo é A literatura galega na ollada de Emilia Pardo Bazán, unha monografía da autoría de Manuel González Prieto publicada pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a Real Academia Galega.

Neste volume, prologado polo profesor Xesús Alonso Montero, lévase a cabo un completo repaso aos textos nos que a autora coruñesa se pronunciou sobre os escritores galegos e as súas obras, que son aquí antologados e comentados.

 

 

Obra de Xela e sobre Xela

Esta semana Armando Requeixo, ante a próxima celebración do Día das Letras Galegas, fai un repaso polas publicacións aparecidas arredor da figura de Xela Arias, a autora á que este ano se lle dedica a efeméride.

Entre os libros consagrados á escritora homenaxeada cóntanse reedicións dos seus poemarios, antoloxías dos seus versos, a exhumación dalgunha obra inédita e diversos ensaios que analizan a súa biobibliografía.

Poeta e tradutora, editora e profesora, ocasional narradora e articulista, a figura de Xela Arias constitúe unha referencia fundamental da literatura galega das últimas décadas, o que espellan todas estas publicacións xurdidas ao abeiro da celebración do 17 de maio a ela dedicado.

 

 

A Galicia que se liberaba sexualmente

Esta semana Nus de Manuel Gago é a novela á que nos convida Armando Requeixo.

Nus (Xerais) mergúllanos na Galicia dos primeiros oitenta a través das lembranzas dun vividor que experimenta a liberación sexual no medio das loitas nudistas desa altura, ao tempo que vai escalando politicamente axudado polo seu cinismo e incredulidade.

Mais Nus é tamén un documento sociolóxico que analiza a Galicia da Transición, a revolución ideolóxica que entón se produciu e como a loita libertaria foi do sexual ao político pasando polo económico e anticlasista.

 

 

O peso do cerebro

Esta semana, Armando Requeixo comenta para nós O peso do cerebro, a máis recente novela de Xesús Constela.

O peso do cerebro (Xerais) é o relato da fuga desorientada dun vello con demencia senil que escapa da súa casa e se bota ás rúas da cidade guiado polos seus recordos e vestido estrafalariamente. Polo camiño, a súa mente faino acompañarse dunha sorte de procesión fantasmal de personaxes que só poboan a súa cabeza desvariada e que o ensimesman, aínda máis, no seu estraño deambular.

Mais O peso do cerebro é tamén unha narración sobre a memoria e o seu esfarelamento, sobre a identidade a ela unida e sobre a forza dos recordos. Todo ao tempo que propón unha relectura crítica da situación e da historia recente da ben recoñecible “cidade barco” na que acontecen os feitos.

 

 

O libro cero onde emprender a viaxe

Esta semana Armando Requeixo achéganos a O libro cero, a última novela de Jorge Emilio Bóveda.

O libro cero (Galaxia) é un relato sobre o relato, unha novela que reflexiona sobre o que entendemos como realidade e sobre o propio feito da escrita.

Pastor Páez, un expolicia nacional, emprende unha viaxe para atopar un “punto cero” dende o que recomezar de novo a súa vida, o que o levará ata Madrid primeiro, Londres despois, e, finalmente, Atenas, o berce da nosa civilización e, polo mesmo o lugar onde todo comezou.

 

 

Cóntamo outra vez, Rick

Esta semana a recomendación de Armando Requeixo é o último libro de relatos de José Ángel Xesteira, Cóntamo outra vez, Rick, publicado pola Editorial Galaxia.

Cóntamo outra vez, Rick reúne once historias que se contan un grupo de periodistas namentres pasan a noite no hall dun hotel do Caribe agardando a que desapareza unha tormenta tropical que impide que o seu voo os traia de volta a Galicia.

Relatos ambientados no Nadal, na Casablanca do famoso filme, lembranzas de mocidade, vivencias de dandis de aldea, contos ferroviarios, narracións de vodas vinculeiras e de amores fatais, xornadas de caza, curiosas andainas de fotógrafos de feira e ata rememoracións cuatelarias do atentado de Carrero Blanco constitúen o dispar contido deste libro cheo de agradables sorpresas.

 

 

Pin It on Pinterest