Intentando remar na periferia
Deixádenos remar é a novela de Ana Cabaleiro á que Armando Requeixo dedica a súa colaboración desta semana.
Finalista do Premio Xerais, Deixádenos remar é un tratado ficcional do secular problema da loita de clases, que neste caso ten no enfrontamento entre os tradicionais veciños dun barrio da periferia compostelá e os novos inquilinos dunha ostentosa urbanización a súa máis belicosa manifestación.
Dous mundos irreconciliables que ben pronto declararán abertamente as súas hostilidades e que nos irán descubrindo, aos poucos, a complexa rede de relacións que entre uns e outros se tece, tan intensa, impredicible e diversa como a vida mesma.