Todas as colaboracións

‘Esperando o mencer’, premio ao libro mellor editado

Eva Mejuto fálanos hoxe deste álbum editado da peruana Fabiola Anchorena, publicado pola editorial Kalandraka. Unha obra fermosa e dura sobre a destrución que crean os incendios, que recibiu o primeiro premio Nacional ao libro mellor editado na categoría de literatura infantil e xuvenil.

O que Amanda Gorman e Francesco Tonucci pensan sobre a infancia

Eva Mejuto tráenos hoxe libros que falan sobre a primeira etapa da vida. O primeiro é A canción do cambio. Un himno á infancia, un álbum ilustrado a partir dun poema da escritora estadounidense Amanda Gorman, ilustrado por Loren Long e traducido ao galego por Ivonete da Silva e Fe González para Hércules de Ediciones. O segundo é un ensaio do pedagogo italiano Francesco TonucciPor que as nenas e os nenos, sobre as contradicións da nosa sociedade na educación da rapazada. 

Libros con música de Silvia Penide e Magín Blanco

Eva Mejuto tráenos hoxe dous libros con música. Diferentes diferenzas é o primeiro libro de contos da cantautora Silvia Penide, ilustrado por Emilio Urberuaga e publicado por Bululú.  A partir do libro naceron as cancións, dispoñibles en CD e en formato dixital. E acaba de publicarse o último traballo de Magín Blanco, Caderno de cores e cancións, ilustrado por Sonia  García, e que inclúe un código QR para acceder á música. Nas cancións colaborou o alumnado do CEIP da Carrasqueira de Coruxo e a asociación de familias con persoas con parálise cerebral APAMP.

Un animalario e un escudeiro

Seguimos repasando con Eva Mejuto obras finalistas dos premios Follas Novas dirixidas ao público infantil e xuvenil. Desta vez, o ‘Animalario de ler a diario’, un poemario divertido e cheo de bichería escrito por Eduard Velasco e mais  a banda deseñada ‘Roxín Roxal. A daga do conde’, de Manel Cráneo e Brais Fierro, publicado por Demo Editorial.

Contamos números e cus

Eva Mejuto tráenos dúas lecturas coas que aprendemos a contar de maneira divertida. O libro grande dos números pequenos (Edicións Xerais) é o primeiro álbum que asina Berta Dávila, ilustrado por Gastón Caba, apréndenos a contar do un ao vinte con rima e ritmo. O libro dos cus (Nube Ocho), de Eva Manzano e Emilio Urberuaga, traducido ao galego por Maruxa Zaera, é un libro divulgativo sobre os cus  humanos e animais con moitos pormenores interesantes e divertidos sobre os traseiros. 

Editoras que sopran candeas

Celebramos o aniversario da editora Kalandraka, que acaba de facer 25 anos publicando literatura infantil e xuvenil, e mais de Embora Edicións, que fai 30 anos e ten unha colección dedicada á LIX. A primeira lectura que propoñemos hoxe é ‘Verme’, un libro acordeón sen palabras que nos leva ao fondo da terra, da autoría de Federico Fernández e Germán González. A segunda, ‘Violeta Parapluie’, un álbum de poesía cunha galería de personaxes estrambóticos, escrito por Ramón D. Veiga e debuxado por Iván R. As dúas obras son finalistas nos premios Follas Novas do libro galego na categoría de álbum ilustrado.

LIX no Día da Visibilidade Trans

Eva Mejuto escolle dúas lecturas para o Día da Visibilidade Trans. Nom estamos quebrades, de Nee Barros, está protagonizado por Eva, que sente a presión do contorno por encaixar no seu xeito de relacionarse cos demais e na súa sexualidade. Unha novela sobre a amizade e o valor da diferenza que gañou o premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Resúltame familiar é un álbum ilustrado que propón un percorrido actual sobre as formas de vivir en familia. 

Máis lecturas de medo (e risa) con Eva Mejuto

Eva Mejuto volve traernos lecturas de medo para todas as idades. Hoxe comezamos co álbum ilustrado Desgrazas dunha familia victoriana, de Idoia Iribertegi, publicado por Triqueta Verde. Un álbum disparatado para adolescentes e adultos no que a autora recrea, con retranca e humor, unha saga familiar chea de fatalidades.
A segunda proposta é ‘Instrucións para ler este libro’, con texto de Miguel Anxo Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, publicado por Xerais. Outro libro co humor como fío condutor que presenta personaxes da nosa mitoloxía fantástica laiándose dos males do mundo actual. 

 

Contos de medo con Eva Mejuto

Antes de que chegue a Samaín abordamos con Eva Mejuto a fascinación que temos polas historias de medo, narracións que falan do inexplicable, do alén, da liña que separa a vida e a morte. Buscamos eses contos no libro Trece avisos. Contos para ler pola noite’, de Paula Carballeira e no clásico do estadounidense Mercer Mayer ‘Un pesadelo no meu armario’.

Sementamos lecturas con Eva Mejuto

 

Eva Mejuto proponnos hoxe dúas lecturas para reconectarmos coa terra e a natureza. O álbum ‘O gran libro da nosa horta’, escrito e ilustrado por Blanca Millán e publicado por Cumio Editora, e mais ‘A colleita de ratiño’, un conto de Leticia R. Gancedo ilustrado por Mar Ferrero. 

 

 

Pin It on Pinterest