Xan Chuchamel, un xogo de plataformas do estudio Narubane
Luz Castro descúbrenos un novo xogo de selo galego, trátase de Xan Chuchamel, do estudio Narubane:
“Un xogo de plataformas e quebracabezas onde precisaremos tanto habilidade como intelixencia para superar cada desafío. Xan Chuchamel lanzouse o 31 de outubro en Steam, para PCs con Windows ou Linux, e nel acompañamos ao protagonista Xan, que é un bichiño redondo de cor violeta, cuns impáticos cornos e unha boca en forma de funil que lle permite atrapar bloques para movelos de sitio. Esta habilidade vai ser fundamental para conseguir superar os niveis, nos que teremos que avanzar, saltar e conseguir moedas e medallas.
Narubane é un estudio creado este mesmo ano que ten a súa sede en Betanzos e está formado por unha única persoa, un enxeñeiro informático que sempre quixo desenvolver un xogo, e aproveitou que a pandemia e o cofinamento para comezar este proxecto. Foron dous anos de traballo, nos que se encargou absolutamente de todas as partes do xogo: deseño, gráficos, programación, marketing e tamén as tarefas de xestión para publicar en Steam e na Nintendo e-shop (a finais de mes sairá a versión para Nintendo Switch). O único que non é da súa autoría é a música.”