Todas as colaboracións

Contos de medo (I)

Eva Mejuto tráenos a primeira entrega de contos de medo para o Samaín deste ano: Valentina nunca calas e o monstro da media cara (OQO), de Charo Pita e Marjorie Pourchet; Sete monstros e un gato (Kalandraka) de Rafa Ordóñez e Christian Inaraja; Gato montés (Triqueta) de Margarita del Mazo e Daniel Montero Galán e mais Censor de monstros (Barafunda) de Patricia Varela e David Bastos. 

Os ‘White Ravens’ galegos de 2023

Eva Mejuto fálanos hoxe de tres libros galegos que forman parte da última edición da prestixiosa listaxe de literatura infantil e xuvenil ‘White Ravens’. Son ‘A lebre mecánica’ de Ledicia Costas (Xerais); o libro despregable ‘A nota’, de Pilar Serrano Burgos e Daniel Montero (Kalandraka) e mais o álbum ‘Peixe’ de Emilio Urberoaga e Javier Zabala (Bululú). 

Adolescencia vs. idade adulta

Eva Mejuto proponnos hoxe dúas lecturas que teñen que ver coa adolescencia. O poemario ‘Tempo de lagartos’, con versos de Carlos Negro e ilustracións de Raquel Senra, é unha reflexión sobre ese tempo vital de mudanza de pel dirixido sobre todo a pais e nais de adolescentes. Publícao a editorial Galaxia.

A segunda proposta de hoxe acaba de chegar ás librarías: ‘Furia’, de María Reimóndez, premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e publicado por Edicións Xerais. Unha novela que combina as voces dunha rapaza de dezaseis anos e da súa tía avoa, a adulta que a coida trala morte de súa nai.

Dorothé Schubarth para a rapazada

Eva Mejuto traénos hoxe o libro ‘Os camiños de Dorothé’, un libro-disco que achega o público infantil ao cancioneiro de Antón Santamarina e Dorothé Schubarth, a etnomusicológa suíza finada a comezos do mes de setembro á que tanto lle debe a nosa tradición oral. ‘Os camiños de Dorothé’, impulsado por Sonsoles Penadique, e con ilustracións de Rocío Fernández Paz, está editado por Mialma Producióis Creativas e viaxará polo país a través do espectáculo ‘Café Dorothé’.

A segunda proposta de hoxe é o álbum informativo ‘Pícache a curiosidade?´, no que María Canosa e Ro Ledesma contan de maneira amena e visual como se fai un libro, como voan os avións ou onde vai a auga dos baños. Edítao Cumio.

 

 

Biografías para todas as idades

Hoxe Eva Mejuto proponnos ler biografías. Estrelas galegas da ciencia é unha historia de persoeiros e achados asombrosos, publicada por Hércules de Ediciones, con textos de Maite Vence, Manuel Vicente e Andres Burés e ilustrado por Clara Cerviño. A través do libro no que saberemos de figuras como Ángeles Alvariño, José Rodríguez ou María Wonemburger. Irene, a porteira é unha banda deseñada que conta unha a historia dunha pioneira galega do deporte, Irene González Basanta, futbolista que rompeu barreiras hai un século. O guión do cómic é do xornalista Óscar Losada e as ilustracións, de Xulia Pisón.

 

Lecturas para coñecer a realidade máis dura

Eva Mejuto trae hoxe ao seu ‘Faro dos libros’ dúas lecturas que parten de realidades duras. Terra de ninguén’ é un álbum ilustrado da xornalista María José Floriano con ilustracións de Federico Delicado sobre un poboado marxinal da Comunidade de Madrid. Unha voz infantil é a que nos relata en primeira persoa a vida entre a inocencia e o desencanto. Publícao Kalandraka. A segunda proposta de hoxe, xa para público adolescente, é ‘Regreso á illa de San Simón’, unha banda deseñada que recorda o pasado da illa como campo de concentración. Unha obra colectiva publicada en 2021 pola área de Memoria da Deputación de Pontevedra e realizada por alumnado e ex alumnado da escola O Garaxe Hermético de Pontevedra.

Lecturas de familias e animais

Eva Mejuto recoméndanos hoxe a lectura da ‘Triloxía de Corfú’, de Gerald Durrell, traducida ao galego por Susana Collazo e publicada por Sushi Books. Tres libros descacharrantes e luminosos sobre a experiencia do escritor e naturalista británico, que se trasladou coa súa familia a esta illa grega sendo un neno. Falamos tamén de ‘Ringo. Memorias dun coello fedello’, de Pablo Nogueira Campo, con ilustracións de David Pintor. 

Lecturas xuvenís para empezar as vacacións

Eva Mejuto traénos hoxe dous libros para público xuvenil. A curva da pantasma é unha colección de relatos de Fran Alonso emparentados coas lendas urbanas. Oh, capitán! Poemas de Walt Whitman para a xente do instituto é unha escolma de 30 poemas de Whitman en edición bilingüe inglés-galego

Fina Casalderrey, un dos grandes nomes da LIX galega

Hoxe lemos con Eva Mejuto a Fina Casalderrey, unha das autoras de referencia da nosa literatura infantil e xuvenil, á que a AELG homenaxea o 10 de xuño en Pontevedra. Abrimos as páxinas d´O xenio da cidade do Sal, protagonizado por un Mozart de 12 anos, e mais de Fiz, o coleccionista de medos, no que un neno moi medorento atopa un método para superar aquilo que o desacouga. 

Monstr3s e illas

Eva Mejuto tráenos hoxe dous álbums ilustrados recén editados. ‘Monstr3s’ é o primeiro libro como escritora de Laura Parrula, editora en Patas de Peixe. Coas ilustracións de Óscar Villán, o libro mestura humor e medo. ‘Illas á vista’, de Rena Ortega, está dedicado ao parque nacional das Illas Atlánticas. A medio camiño entre a crónica e o caderno de viaxes, publícao Triqueta Verde.

Pin It on Pinterest