As artes escénicas con Cinema Sticado
Falamos de Cinema Sticado, un colectivo escénico de Cangas, creado en 2012 pola actriz Helena Varela e o enxeñeiro Xosel Díez. Unha compañía que investiga sobre as posibilidades expresivas da mestura de linguaxe audiovisual, teatro de obxectos ou banda deseñada. Unha nova maneira de entender e de facernos aprezar, dende a fronteira, outro tipo de arte escénica posible. Cinema en directo, onde a proxección convive coa exposición do set e de todas as técnicas e artefactos que permiten verlle as tripas e seguir emocionándose coas atmosferas e a maxia do celuloide. Xogo, crítica, misterio, linguaxe figurativa, música creada en directo cos sons duns manipuladores demiurgos.
Tamén repasamos os 35 anos de historia da Revista Galega de Teatro, unha publicación única no mapa cultural galego que documenta, analiza e edita o quefacer teatral en Galicia xunto coa realidade escénica de fóra, y en galego. En 2018 chega ao seu número 95 e ademais de editar e traducir textos dramáticos, a Erregueté segue a ser un espazo de información, debate, crítica e creación aberto a todas as sensibilidades e maneiras de concibir a arte do teatro, comprometida co tempo presente, co público e coas profesións do teatro.