Todas as colaboracións

Lemos ‘Longas sombras na pedra’ e ‘As mulleres da fin do mundo’

Esta semana Armando Requeixo proponnos a lectura de dous textos narrativos de interese certo: o libro de relatos de varios autores Longas sombras na pedra e mais a novela As mulleres da fin do mundo de Daniel Asorey.

Longas sombras na pedra (Urco/Consorcio de Santiago) reúne nove historias escritas por María Alonso, David Botana, Héctor Cajaraville, Cris Pavón e Mariña Pérez Rei que coinciden en reescribir, en clave de ficción alternativa, a(pre)historia de Compostela, imaxinando discursos do pasado da cidade que se apartan do relato oficial. Deste xeito, os diferentes contos do libro van re-creando esa historia paralela de Compostela dende a súa protohistoria ata a época contemporánea, pasando por momentos decisivos como o achado do sepulcro do Apóstolo, as incursións viquingas para saquear a cidade ou a existencia de sociedades masónicas na Compostela de finais do XIX.

As mulleres da fin do mundo (Xerais) é unha distopía que nos amosa o futuro do noso planeta gobernado por un Estado totalitario, onde un Líder Supremo, apoiado por unha igrexa que funciona como brazo ideolóxico armado da súa ditadura, ten sometida e marxinada nos arrabaldes infinitos da Capital do Mundo a gran maioría da poboación. A situación vólvese insostible e desátase unha revolución protagonizada por un grupo de heroicas mulleres, que loitarán pola liberdade e a fin do mundo tal e como ata entón padeceron.

Lemos ‘Hotel para coleccionistas discretos’ e ‘A vida é dura antes dos 18’

Esta semana Armando Requeixo achéganos dúas propostas narrativas ben diferentes: a nova novela de Diego Giráldez, Hotel para coleccionistas discretos, e mais o libro de relatos de José Luis Graña Muíño A vida é dura antes dos 18.

Hotel para coleccionistas discretos (Galaxia) é unha novela que nos mergulla na psicopatía social do noso tempo a través dunha trama na que un feixe de coleccionistas neuróticos se reúnen nun hotel para homenaxear unha compañeira falecida. Durante a xuntanza, os organizadores retaranos a unha absurda competición que os levará a dinamitar todos os límites do racional, evidenciando a esquizofrenia insolidaria na que viven instalados non poucos dos oligarcas políticos e empresariais dos nosos días.

A vida é dura antes dos 18 (Fervenza) é un conxunto de relatos que profundan na complexa etapa da adolescencia nun ámbito crucial como é o da vida escolar. As angueiras estudantís de diversas rapazas e rapaces centran estas historias, que exploran as fías psicolóxicas derivadas das interaccións, non sempre doadas, entre a rapazada e o profesorado e mais entre os propios mozos. Un mundo cheo de inseguridades, arelas insatisfeitas, pequenos fracasos e decepcións e tamén moitas dúbidas, iso si, todo adubado cun excelente sentido do humor.

Lemos dúas novelas de Narciso de Gabriel e Calros Solla

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas novidades de temática e estilo ben diverso: Elisa e Marcela. Amigas e amantes, de Narciso de Gabriel, e mais A gran mortaldade, de Calros Solla.

A gran mortaldade (Edicións Morgante) é un libro de relatos do escritor e profesor pontevedrés Calros Solla coa que se estrea no eido da narrativa de ficción. As dezasete historias que compoñen este libro xiran arredor da paisaxe e a paisanaxe do xenuíno territorio de Cerdedo e a Terra de Montes, que funciona como metonimia do conxunto de Galicia. Mesturando feitos e personaxes reais cunha imaxinación prodixiosa, Solla debuxa un mapa sociolóxico e identitario no que a evidencia do fracaso e a esperanza da resistencia son os ingredientes principais dun cóctel literario servido con grandes doses do máis ácido humor.

Elisa e Marcela. Amigas e amantes (Xerais) é a novelización dun ensaio previo do investigador e profesor da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel.Neste libro nárrasenos a fascinante historia de dúas mestras que nos primeiros do século pasado namoraron e chegaron a casar servíndose do subterfuxio dunha delas cambiar de identidade, adoptando publicamente o nome e a vestimenta habitual de home. A estrataxema foi descuberta e fixo que tivesen que iniciar un longo éxodo fóra de España, que as levou primeiro a Portugal e logo ata Arxentina. Nesta obra relátase ese amor contracorrente, constituíndo, en palabras do prologuista do volume, Manuel Rivas: “a novela de Elisa e Marcela que non foi quen de escribir dona Emilia Pardo Bazán”, autora que no seu día se manifestara moi interesada nesta historia.

Os libros ‘Discurso sobre a dignidade do home’ e ‘Se isto é un home’ xa están traducidos ao galego

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dous interesantes traducións: Se isto é un home, de Primo Levi, e mais Discurso sobre a dignidade do home de Giovanni Pico della Mirandola.

Se isto é un home (Xerais) é o relato estremecedor do paso polo campo de concentración de Auschwitz-Birkenau de Primo Levi, o escritor xudeu-italiano que conseguiu sobrevivir a aquel horror e contárnolo nesta impresionante narración, cume da literatura do Holocausto que foi publicada por vez primeira en 1947 e hoxe está traducida a gran número de idiomas, agora tamén ao galego mercé ao traballo de Xoán Manuel Garrido Vilariño.

Discurso sobre a dignidade do home (e outros textos renacentistas sobre a dignidade do ser humano) (Rinoceronte) reúne tres obras complementarias: a maxistral peza de oratoria asinada por Pico della Mirandola que lle dá título; tres capítulos do ensaio filosófico Teoloxía platónica de Marsilio Ficino; e a Fabula sobre o home de Luis Vives. Todos tres coinciden na reivindicación do ser humano e a súa dignidade, afirmando o seu libre albedrío e apuntando á Filosofía como vieiro para conseguir a paz entre as persoas e defendendo a concordia entre relixións, culturas e diferentes modos de pensar. Esta terna de textos foi traducida dende o latín ao galego por Fernando Domènech Rey.

O libro da semana: ‘Un conto siciliano e outras historias’, de Estro Montaña

Esta semana Armando Requeixo convídanos a ler Un conto siciliano e outras historias, o novo libro do escritor, crítico e profesor Estro Montaña que publica Xerais.

Un conto siciliano e outras historias é un conxunto de catorce historias que teñen como denominador común a reflexión sobre a violencia estrutural, o terror social que crean certos individuos ao abeiro da mafia, o narcotráfico, o contrabando, a pornografía ou o secuestro infantil, entre outros.

Tamén salientan nestes relatos a visión dunha infancia inzada de medos e vinganzas e a crueldade e inxustiza que en ocasións envolve o mundo do ensino. Todo cun estilo directo, cheo de ironía e sarcasmo e uns personaxes descarnados que xogan a vida ata o derradeiro desengano.

‘Tres minutos no aire’, o libro que naceu na Radio Galega

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura dun título moi especial: Tres minutos no aire, de Miguel Anxo Murado, un volume de breves ensaios literarios que naceron, precisamente, ao abeiro do Diario Cultural da Radio Galega.

Entre xaneiro do 2006 e xuño do 2009 o escritor e xornalista Miguel Anxo Murado colaborou semanalmente co Diario Cultural mantendo unha sección na que, en arredor de tres minutos, abordaba un tema literario ou artístico que integraba unha reflexión, moitas veces a partir dun tema de actualidade.

Este libro é unha escolma de preto dun centenar daquelas prosas radiadas, que tratan de temas moi variados, que van dende o cantar do cuco como inicio da Primavera ata os xuramentos en arameo, pasando pola relectura de Romeo e Xulieta, os famosos e insensatos namorados; a onomástica bovina; anovelesca morte de Pushkin; a celticidade galega ou as artes mareiras de Ulises e Simbad, entre moitos outros.

As escritoras Ana Fontenla e Rebeca Baceiredo apostan por unha narrativa diferente

Esta semana Armando Requeixo achéganos dúas propostas narrativas fóra do convencional: as prosas breves de Ana Fontenla en Números vermellos e a escrita filosófica de Rebeca Baceiredo en Animais de estimação e bestas de companhia.

Números vermellos (Galaxia) é o debut literario de Ana Fontenla, un feixe de textos nos que hai lugar para os mini e microrrelatos, os monólogos, os poemas en prosa, a aforística e a diarística. Unha escrita que interroga e se interroga sobre a precariedade da vida, que critica acidamente o capitalismo feroz e apenas se respira polo amor e o humor, a paixón polo teatro e seu feminismo esencial. Logo están as músicas da adolescencia, os adoradores da nutella con chourizo, a devoción polo Aliexpress, a inalcanzable honestidade de Ofelia, as estadías lisboetas, a morriña e os seus antídotos…

Animais de estimação e bestas de companhia (Através) é a nova proposta da poeta e filósofa Rebeca Baceiredo, unha escrita a medio camiño entre o ensaístico e o narrativo onde a autora ourensá convida e repensar a nosa relación cos animais (en xeral) e as mascotas (en particular), tentando definir a alteridade que nos vincula a eles como suxeitos outros, mais afirmando a súa vontade, a súa capacidade de poder ser, a súa radical liberdade que os institúe, ontoloxicamente, como rizomas da nosa mesma familia.

Isaac Xubín e Xesús Constela publican novas novelas

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas acabadas de chegar ás librerías: Os largos e longos campos de liño azul, de Isaac Xubín, e mais Lisa deitada, de Xesús Constela.

Os largos e longos campos de liño azul (Galaxia) é un thriller psicolóxico que ten tamén tinturas de relato de investigación e de narración sobre as componendas dos poderes políticos e relixiosos. O paciente 500-B pasa os seus días recluído nun sanatorio mental onde loita contra a amnesia que apenas se lle deixa lembrar vagos episodios da súa nenez e mocidade. Pola súa parte, o Dr. Myà, o novo director do sanatorio, está empeñado en descubrir como e por que chegou alí o enigmático paciente. Polo medio, unha inquietante Organización de iniciados relixiosos, que anda á procura dun exmembro do grupo que cómpre liquidar, pois sabe demasiado e pode complicarlle á Organización o seu ascenso nas inminentes eleccións.

Lisa deitada (Embora) propón un achegamento reflexivo á (auto)marxinación social na que viven certos individuos illados do resto da comunidade. Lisa, unha obesa mórbida, pasa os seus días deitada no sofá, vendo culebróns televisivos namentres critica acidamente a veciñanza e nonsó, nunha deriva misántropa da que apenas se salvan un par de parellas do seu mesmo bloque, que lle axudan coa comida e outras cuestións básicas que non é quen de resolver no seu estado de prostración. Paralelamente, imos sabendo da memoria de seus pais e da súa formación sentimental, mais tamén da vida dos chineses do restaurante Gran Muralla, situado fronte ao seu edificio. Todo ao tempo que os axentes Combarro e Souto desenvolven unha investigación para coñecer a causa que provocou o incendio do piso de Lisa.

Suso de Toro publica o ensaio ‘Dentro da literatura’

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura do último ensaio de Suso de Toro, Dentro da literatura, un moi interesante volume que publica Edicións Xerais de Galicia.

O compromiso do escritor, a conformación do canon literario, o oficio da escrita, os hábitos á hora da creación, a importancia da tradución, o papel dos mediadores, as lecturas preferidas ou o concepto de escritor nacional son outros tantos temas tratados neste libro.

Suso de Toro, coa lucidez e saber facer que o caracterizan, propón en Dentro da literatura unha revisión autocrítica do seu papel de escritor, ao tempo que invita á reflexión das lectoras e lectores sobre o fenómeno literario e as súas implicacións sociais e culturais.

As narracións curtas de Xabier Cordal e Miguel Mato

Esta semana Armando Requeixo recoméndanos a lectura de dous libros de narracións curtas: ‘Relatos para televisión’ de Xabier Cordal e ‘Adeus, capitán Walton’ de Miguel Mato Fondo.

‘Relatos para televisión’ (Xerais) é un conxunto de doce historias que espellan a vertixe un moito delirante na que vivimos instalados: vampiros existencialistas, invasións alieníxenas, devotos do advento do Anticristo e revoltas de organismos biocibernéticos subterráneos conviven nestas prosas de marcada intención social coas que Cordal nos convida a ollar con distancia crítica o kafkiano da nosa conduta e o neoesperpento que nos asolaga.

‘Adeus, capitán Walton’ (Embora) reúne cinco relatos longos nos que o papel da memoria, das memorias, e a presenza de múltiples intertextualidades e xogos metaliterarios caracterizan unha prosa de fino labrado poético, evocadora coma poucas e chea de resonancias musicais, pictóricas e artísticas en xeral, que fan destas páxinas unha sinfonía íntima e vibrante onde as emocións e as lembranzas tradean o alento do corazón maduro.

Pin It on Pinterest