Marián Bañobre, Tamara Canosa, Laura Iturralde, Cris Iglesias, Belén Pichel, Nuria Sotelo, Esther Carrodeguas, Gena Baamonde, María Roja, Larraitz Urruzola, Marta Pérez, Andrea Bayer, Vanesa Sotelo… Son moitas as creadoras que nos ofrecen pezas en carteleira, mais as preguntas que nos podemos facer sobre a igualdade laboral, a visibilidade, a recepción crítica ou as personaxes e os tratamentos ou a autocensura seguen sendo moitas igualmente. Elas pararán o 8M e moitos outros sectores e homes feministas tamén as apoiaremos. Elas están a mudar moitos aspectos do cotián, mais aínda queda tanto camiño… Elas están a crear e velaquí unha pequena escolma, con dúas novidades que tratan algún asunto relacionado co feminismo, polo tanto coa dignidade: A compañeira de piso e A Gala.
A compañía de Nuria Sotelo presentou en Ourense unha peza híbrida de teatro-danza a partir do universo creativo e biográfico de Maruja Mallo. Un conxunto de escenas que nos remiten ás imaxes, á filosofía e legado de mulleres libres, orixinais e divertidas coma a pintora galega. Faino mesturando humor, metadiscurso, un suxerente espazo sonoro e lumínico, movemento e texto (proxectado, conferenciado e dito de xeito case persoal e espontáneo).
Contraproducións presenta unha posta en escena máis convencional dunha autora americana, Jen Silverman, onde o potencial da historia de convivencia de dúas mulleres moi diferentes nos deixa ver temas próximos, realidades a superar e moita risa liberadora con momentos de emoción cando aparece a soidade ou a asfixiante opresión da moral conservadora.
Pezas para rir, para pensar sobre a situación da muller hoxe, ao longo da historia ou mañá pola rúa… Mulleres creando e facendo a escena e a sociedade máis libres, máis diversas, máis igualitarias.