Esta semana Armando Requeixo convídanos a nos achegar a dúas novelas de gran tonelaxe: Vila Suárez de Rubén Martínez Alonso e mais O último barco de Domingo Villar, entrambas as dúas máis dun milleiro de páxinas para ler.
Vila Suárez (Toxosoutos) mergúllanos no tempo da inmediata Posguerra para facernos pasear os ambientes do Madrid das inmensas casonas das aforas da cidade, onde habita unha aristocracia envilecida e depravada, despreocupada da miseria social dun país devastado tras o conflito bélico quea estes privilexiados, ocupados en todo tipo de xogos psicalípticos, non lles interesa o máis mínimo.
O último barco (Galaxia) relata unha nova aventura do detective Leo Caldas e o seu axudante Estévez, quen terán que pescudar na estraña desaparición de Mónica Andrade, filla dun prestixioso doutor e profesora da Escola de Artes e Oficios de Vigo, quen semella ter fuxido para romper co seu pasado e comezar unha nova vida noutra parte, aínda que ben pronto as investigacións do sabuxo Caldas van facer sospeitar outro desenlace.