Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de Thérèse Desqueyroux, un clásico de François Mauriac traducido ao galego por Xavier Senín.
Thérèse Desqueyroux (Hugin e Munin) achéganos á vida dunha inqueda rapaza das Landas francesas que vive sumida nun vórtice de sentimentos contraditorios entre os que procura a súa identidade. Equivocadamente, pensa que o matrimonio lles dará solución e decide casar cun rico propietario da veciñanza, mais o casamento, lonxe de ser unha saída, acabará agravando o problema e o seu estado de ánimo irá a peor.
Esta novela, unha das máis celebradas da literatura francesa da primeira metade do XX, aborda con lucidez temas como a procura da identidade, o papel da muller no seu tempo, o desexo de liberdade, o valor da familia ou a importancia da consideración social, asuntos que, onte coma hoxe, seguen a ser de grande interese.