Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas curtas: ‘Tres pintores’, de Cid Cabido, e mais ‘Alana’, de Fran Fernández Davila.
‘Tres pintores’ (Xerais) obtivo o Premio Ánxel Fole de Narración Curta que convoca o Concello de Lugo. Esta historia, protagonizada por dous mozos vigueses dos anos oitenta, é o relato da vida pseudo-caralla-intelecto-bohemio-contrariosa ?segundo a súa propia definición? na que viven instalados estes dous mozos, desexosos de viaxar ata o París máis cosmopolita que os afaste do mundo pechado e de futuro avolto no que habitan. Narrada cunha prosa líquida e grandes doses do humor e ironía, esta novela devólvenos o mellor Cid Cabido logo de case unha década de silencio narrativo.
‘Alana’ (Toxosoutos) foi distinguida no Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza a revista Casa da Gramática. A historia de Alana, unha moza castrexa de dezasete anos que vive en Trega, centra a peripecia deste relato ambientado nos tempos da Celtia galega, un mundo virado cara ao mar no que ten tamén un papel principal Glenda, a antiga xefa dos brigantes que mora en Irlanda, a nosa irmá da verde illa. Ao fondo, a ameaza da República de Roma e, polo camiño, unha trepidante aventura nos cumes do Pindo, na Bretaña e na costa sur do país dos kallaikoi.