O verán é moi propicio para as actividades ao aire libre e hoxe queremos facer unha breve escolma de compañías galegas de teatro de rúa, con moita presenza en programas de festas, ciclos ou actividades vacacionais; da man de Roberto Pascual
Moitas compañías deciden especializarse neste ámbito e as propostas son cada vez máis competitivas, pois máis ca encher de actividades un programa, a calidade e a creatividade priman, ao igual ca noutros ámbitos da profesionalización teatral.
Queremos, pois, sinalar os espectáculos Ghop!, da nova compañía Teatro ao Cubo e o premiado Oh limpiadas, da compañía Sincronacidas.
A primeira é unha divertida, participativa e virtuosa fusión de circo, maxia, monicreques e humor arredor do propio mundo do espectáculo, das virtuosas habilidades e da idea de divertimento. A segunda, sen renunciar a iso, proponnos unha reflexión sobre o rol e presenza das mulleres no mundo do deporte e polo tanto, unha visión crítica sobre a desigualdade.