Procuramos valorar o resultado de Galicia Escena Pro. Unha edición de transición. Un ano marcado polo debate construtivo, pola necesidade de manter un mercado necesario nun contexto de precariedade, de supervivencia. Escena Galega asume as rendas con reseñables acertos ante unha institución (a AGADIC) cada vez máis desprendida de responsabilidades.
Galicia Escena Pro aposta por innovar en aspectos metodolóxicos (foi valorada moi positivamente a figura do facilitador, levada a cabo por Juan Rodríguez, de Caramuxo Teatro) e de contido (ademais de espectáculos de creación contemporánea moi aplaudidos coma Pink Unicorns de La Macana, tamén se organizaron mesas de traballo coma a coordinada por Sabela Mendoza e Caterina Varela, na que se defendeu unha Escena plural como o reflexo dos dereitos do público de contar cunha oferta diversa acorde á evolución da arte e da profesionalización creativa).
Pero sobre todo, Galicia Escena Pro 2019 déixanos moitas preguntas: cara a onde pode camiñar a creación escénica galega contemporánea? Conta co acompañamento cohesionado da xestión cultural municipal e autonómica? Conta con ferramentas sólidas de mediación cultural? Debater para crecer e profesionalizar ou dotar de maiores recursos as tarefas dos programadores dos teatros, acorde ao nivel acadado nestes máis de 30 anos de profesión teatral galega tamén parece ser unha das conclusións do mercado galego das artes escénicas que se celebrou estes días en Santiago de Compostela.